O Nexus 7 de 16 Gb está a ter unha maior demanda da prevista
luns, 23 de xullo do 2012
Aínda
que en España non veremos o novo tablet de Google ata o mes de setembro, no
Reino Unido e nos EE.UU. xa levan uns días na rúa, estando aínda a atender
numerosas reservas deste trebello que destaca polo seu prezo axustado, pero que
segundo
fontes próximas a Google, estaría a ter unha resposta do público un tanto
distinta á agardada, recibindo moitos máis encargos do previsto do modelo
de 16 Gb, cando era de agardar que os usuarios fosen en masa ao económico
modelo de 8 Gb (que en España chegará a 199 euros, mentres que o de maior
capacidade tería un prezo de 249 euros), o que levou ao peche do sistema de
reservas do Nexus 7 de 16 Gb a través de Google Play.
É posible que cando este trebello chegue a España xa estea normalizada a súa
distribución (nos mercados nos que está dispoñible o tablet pretenden ter
atendidos os encargos realizados a mediados do mes que vén), e é de agardar que
poida adquirirse tanto a través da web como en establecementos físicos.
Polo momento Google non publicou datos de vendas, polo que resulta difícil
saber se realmente o Nexus 7 está a vender ben, posto que non dar atendido a
demanda inicial pode vir provocado simplemente polo feito de que o volume de
unidades producidas sexa moi reducido.
Nas últimas horas dende Google tamén presentaron o anuncio televisivo do Nexus
7, que soubo presentar o produto sen pararse en detalles técnicos, limitándose
a contar unha historia humana: