O Nobel Samuel Ting pecha o programa de ConCiencia 2010

mércores, 10 de novembro do 2010 Raquel Noya

O programa ConCiencia, que a USC celebra dende hai cinco anos coa colaboración do Consorcio de Santiago para divulgar o saber científico de maneira amena, está a piques de rematar, e farao tal e como comezou: coa visita dun prestixioso científico, que coa súa presenza axude a proxectar a imaxe da cidade de Santiago de Compostela “como foco universal do pensamento”, un dos principais obxectivos desta actividade.
O convidado encargado de pechar a edición deste ano, a quinta, será o Premio Nobel de Física en 1976, Samuel Chao Chung Ting, que xunto con Burton Richter, viu premiado pola Academia sueca o seu traballo pioneiro no descubrimento dun novo tipo de partícula elemental pesada.
O físico estadounidense ofrecerá mañá, xoves 11, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18), o relatorio O AMS na Estación Espacial Internacional: un experimento para buscar o Universo de antimateria e as orixes da materia escura e radiación cósmica, ao que poderán acudir de balde as persoas interesadas neste eido.
Ese mesmo día pola mañá recibirao o reitor ás 10:30 horas, manterá un encontro cos medios de comunicación ás 11:00 horas no Colexio de Fonseca e finalmente, ás 12:45 horas na Facultade de Física, reunirase con alumnos e investigadores dese centro.
Ting descubriu en 1974 a partícula J/psi, o primeiro estado composto formado por quarks e antiquarks pesados, revolucionando así a física de partículas por ser absolutamente inesperada a longa vida destes estados.