O Nokia 3310 terá versión 3G

xoves, 28 de setembro do 2017 Marcus Fernández

O lanzamento do novo Nokia 3310 creou moita expectación, pese a ser un teléfono de reducidas prestacións e prezo esaxerado, pero vese que o produto tivo unha boa acollida, o que levou a HMD Global a decidir actualizalo, de xeito que agora presentan o Nokia 3310 3G, terminal telefónico que chega ao mercado en novas cores e con conectividade 3G, algo do que carecía o modelo anterior, e co que pretenden que o móbil teña unha maior vida (aínda que hai mercados nos que o 3G deixará de operar antes que o 2G).
Este novo teléfono continúa a non ser un smartphone, pese o que seu prezo oficial será de 69 euros (prezo polo que poden atoparse smartphones económicos) e como principal atractivo tería que a súa autonomía é de 6,5 horas en conversa e até 27 días en espera, ou sexa, que é un produto orientado ao uso de voz ou para, simplemente, levalo no vehículo para casos de emerxencia.
O Nokia 3310 3G é un terminal móbil básico, con Bluetooth 2.1, toma para auriculares, radio FM e reprodución de MP3 (grazas principalmente a que soporta tarxetas microSD de até 32 GB), pantalla de cor de 2,4 polgadas e cámara de 2 Mpíxeles con flash LED, sendo estes dous últimos elementos a principal diferenza con respecto ao modelo orixinal (deixando claro que estamos ante un dispositivo moi diferente, que practicamente só coincide en nome e estética).
Este teléfono sairá á venda inicialmente en Australia a medidos de outubro para pasar logo a venderse paulatinamente no resto do mundo.

PUBLICIDADE