O Nokia Lumia 610 permitirá compartir a banda larga móbil por Wi-Fi

venres, 16 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Os móbiles Nokia Lumia están a buscar facerse un sitio no sector dos smartphones, e para ampliar mercado incorpora á súa familia o Nokia Lumia 610, que terá un prezo libre de só 189 euros, o que fará que sexa un dos dispositivos deste tipo co prezo máis asumible que poderemos atopar (pois coas subvencións propias dos operadores de telecomunicacións incluso sería doado conseguilo de balde). Para poder reducir o prezo do móbil Nokia tivo que reducir prestacións e Microsoft adaptou o seu Windows Phone para operar de xeito fluído en móbiles desta gama, de aí que sorprenda que vaia ser o primeiro terminal Lumia en estrear a o uso compartido de Internet.

Coma os seus irmáns, o Lumia 610 chegará ao mercado en múltiples cores

Se atendemos ás especificacións que figuran na páxina web de Nokia, o Lumia 610 podería compartir o seu acceso á Internet móbil con ata 5 dispositivos a través de Wi-Fi, algo que estaba vedado para os seus irmáns, aínda que é de agardar que en breve tamén gocen de tal prestación (que normalmente vén imposta polos operadores móbiles e non polos fabricantes), pois o motivo de que o Lumia 610 adiante esta funcionalidade parece estar provocada porque contará coa versión máis actualizada do Windows Phone 7.5 (coñecida como Tango), que debería chegar en breve para o resto de dispositivos co sistema operativo de Microsoft.
Pese a estarmos ante un dispositivo de gama media, o Nokia Lumia 610 non é maneto, e goza dunha pantalla de 3,7 polgadas, cámara de 5 Mpíxeles, Wi-Fi, Bluetooth 2.1 e 8 Gb de almacenamento interno, de xeito que as súas limitacións reduciríanse a que o seu procesador correo só a 800 MHz e a súa RAM queda en 256 Mbytes.

PUBLICIDADE