O Nokia X6 sae á venda en China

mércores, 16 de maio do 2018 Marcus Fernández

Hoxe preséntase oficialmente en China o novo Nokia X6, un smartphone con pantalla de 5,8 polgadas, resolución de 2.280 x 1.080 píxeles e relación de aspecto 19:9 cunha pestana superior na que se alberga unha cámara frontal de 16 Mpíxeles con apertura f/2.0 e que parte dun prezo de 1.299 iuans (173 euros) para o seu modelo con 4 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno (se ampliamos a capacidade a 64 GB teriamos que pagar 1.599 iuans, ou sexa, 212 euros ao cambio), mentres que o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento véndese a 1.699 iuans (226 euros), polo que parece en condicións de poder competir con outros móbiles de fabricación chinesa.
Estamos ante o primeiro móbil de Nokia en incluír a polémica pestana superior, pero ese detalle non debe despistarnos do feito de que estamos ante un terminal bastante completo, con procesador Qualcomm Snapdragon 636, Bluetooth 5.0, Wi-Fi AC, batería de 3.060 mAh recargable mediante USB-C, lector de pegadas dixitais na súa parte traseira, cámara traseira dual con sensores de 16 e 5 Mpíxeles (con aperturas de f/2.0 e f/2.2 respectivamente).
O Nokia X6 chegará con Android 8.1, actualizable a Android P, sendo posiblemente a súa principal carencia a falta de NFC, algo difícil de entender nun terminal tan completo.

PUBLICIDADE