O Parque Nacional das Illas Atlánticas renova a súa páxina web
xoves, 27 de xaneiro do 2022
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta
Fernández-Tapias, anunciou hoxe que o Parque Nacional das Illas Atlánticas
estreará nova páxina web, “máis
visible e accesible”, e incorporará
unha webcam con visión á cara norte de Cíes.
Segundo informou, unha terceira cámara sumarase á rede de
MeteoGalicia no parque permitindo que os usuarios poidan ver imaxes en tempo
real da cara norte da illa. As dúas cámaras actuais están instaladas na Praia
de Rodas e na cara sur do faro. Asemade, segundo sinalou, o servizo
meteorolóxico da Xunta dispón de varias estacións meteorolóxicas e boias
oceanográficas no arquipélago, e que son craves para entender a respostas dos
sistemas biolóxicos aos cambios no clima.
En canto á nova páxina web que muda do dominio parquenacionalillasatlanticas.com
ao novo illasatlanticas.gal, indicou que estará dispoñible previsiblemente a
partir do vindeiro luns, deseñada pola AMTEGA en colaboración co Parque Nacional
das Illas Atlánticas, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda.
Fernández-Tapias, quen recordou que no vindeiro mes de xuño
se cumpren 20 anos da declaración do Parque Nacional marítimo-terrestre das
Illas Atlánticas de Galicia, insistiu no “incalculable valor” do patrimonio
natural Galicia, “clave para o medio ambiente e a biodiversidade” e un
“importante recurso de turismo sostible”. “É xa unha das principais motivacións
dos turistas para elixir a nosa Comunidade como destino”, afirmou. Ao fío
recordou que as Illas Atlánticas de Galicia concentran seis das principais
figuras de protección medioambiental que existen, o que lle valeu a súa
inclusión entre os mellores destinos turísticos ambientais elixidos polo The
New York Times. “Celebramos, sobre todo, que un medio tan prestixioso faga
fincapé nas medidas levadas a cabo pola Xunta nos últimos anos”, anotou.
A delegada territorial gabou a labor constante por parte do
persoal deste espazo, xestionado pola Xunta de Galicia, durante os últimos anos
e os estritos esforzos de conservación, como son a limitación do número diario
de visitantes para evitar o turismo masivo (450 persoas ao día na tempada de
inverno e 2.400 na de verán), ou as restricións fronte aos vehículos, establecementos
hostaleiros e ruídos. Neste sentido, recordou que o Parque ten pendente de
renovación a Carta Europea de Turismo Sostible que obtivo en 2005. “Están todos
os informes presentados á espera da auditoría”, salientou.
