O Plan Único aprobado pola Deputación de Lugo impulsará a eAdministración nos concellos
martes, 26 de febreiro do 2019
O
Pleno da
Deputación aprobou este martes as bases e orzamento do Plan Único
2019 cos votos a favor de PSOE, BNG e PP e co voto en contra do
deputado non adscrito. Este apoio practicamente unánime, segundo
sinala o Goberno provincial, implicará a inxección de 21 millóns
de euros nos 67 concellos da provincia en base á superficie,
poboación, taxa de envellecemento e núcleos de poboacionais de cada
municipio.
Os
devanditos 21 millóns empregaranse en novas obras para instalacións
municipais, servizos sociais, emprego, iniciativas
turístico-deportivo-sociais, protección e, tamén, no que se coñece
como Administración Electrónica (a modernización dos servizos que
as entidades públicas achegan á cidadanía, achegando máis
eficiencia, rendibilidade, seguridade, comodidade e axilidade).
O
presidente da Deputación, Darío Campos Conde, fixo saber que “a
aprobación do Plan Único 2019 é a mellor noticia para a provincia,
pois achegamos outros 21 millóns para continuar o traballo de
impulsar os servizos e prestacións nos concellos, inxectando un
total de 73 millóns nos 67 municipios neste mandato só a través do
Plan Único”.
No
programa aprobado hoxe distribúense os 21 millóns nos 67 municipios
en base aos seguintes criterios obxectivos: poboación, superficie,
núcleos poboacionais e taxa de envellecemento. Isto supón máximos
de 500.000 euros en Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, Vilalba e
Sarria, e mínimos duns 200.000 en Negueira de Muñiz, Rábade ou
Triacastela.
Nas
bases estipúlase que os concellos deberán destinar como mínimo o
50% dos fondos que lles corresponden a investimentos, o que implica
que cando menos 10,5 millóns de euros sexan para novas melloras nas
instalacións públicas municipais (acondicionamento de accesos,
estradas, rúas, instalacións deportivas ou culturais, traídas de
auga, alumeados públicos...).
Amais,
os gobernos locais terán que dirixir un mínimo de 1,5 millóns de
euros ao Servizo de Axuda no Fogar a persoas non dependentes. Os
restantes 9 millóns de euros poderán reservarse para máis obras,
máis servizos sociais ou ao financiamento de actividades turísticas,
deportivas, culturais, grupos de protección civil ou á devandita
Administración Electrónica.
