O Poco M3 Pro 5G pode reservarse por a partir de 159,99 euros

xoves, 20 de maio do 2021 Marcus Fernández

Pouco lle durou a coroa na cabeza a Realme co lanzamento do Realme 8 5G, que durante os días 18 e 19 conseguiu converterse no móbil 5G máis barato do mercado cun prezo promocional de lanzamento de 179 euros para a súa versión con 64 GB de almacenamento, xa que o Poco M3 Pro 5G chega ao mercado español cunhas prestacións moi semellantes a un prezo promocional de lanzamento de 159,99 euros, collendo así a dianteira.
Este novo smartphone é moi semellante ao de Realme, contando cun procesador MediaTek Dimensity 700 5G, pantalla Full HD+ de 6,5 polgadas, cámara traseira tripla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, batería de 5.000 mAh con carga de 18 watts, NFC, lector de impresións dixitais lateral, conector para auricualres, emisor de infravermellos e Bluetooth 5.1, podendo reservarse até o día 26 por 159,99 euros para a súa versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, ou a 179,99 euros para a versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento. O prezo final deste teléfono será de 20 euros máis que o prezo promocional, o que segue a ser unha cantidade moi axustada, o que claramente facilitará a adopción da 5G.