O Polo de Melide acolleu a presentación de 13 proxectos de tecnoloxías avanzadas
martes, 23 de decembro do 2025
Melide acolleu un encontro de proxectos tecnolóxicos impulsados dende a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego. Nel presentáronse 13 iniciativas innovadoras que están a xurdir no ámbito rural relacionadas con aspectos como a intelixencia artificial, os sensores intelixentes, as plataformas dixitais, o turismo, a música e o benestar e que forman parte dos máis de 5.300 proxectos atendidos nos Polos de Emprendemento de Galicia. Na cita participou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.
O acto serviu tamén para avaliar a próxima convocatoria da Xunta destinada a impulsar as iniciativas de base tecnolóxica (IEBT) co gallo de dar continuidade a esta iniciativa que, desde que xurdiu en 2001, ten favorecido a constitución de máis de 400 empresas destas características e a creación de máis de 2.200 postos de alta cualificación, principalmente no ámbito das actividades científicas e da información e comunicación.
Pablo Fernández salientou “a importancia deste tipo de citas para fomentar o diálogo, a aprendizaxe compartida e a colaboración entre persoas emprendedoras, a Administración pública e entidades colaboradoras”.
En concreto, os proxectos sobre os que se afonda neste encontro son Viñalert, de sensores e analítica intelixente para viñedos; Smart Album, de tecnoloxía aplicada á música; Hotel Twin, relacionado coa intelixencia artificial para turismo e franquicias; Camino Compostela, unha axencia de viaxes en liña especializada nas rutas do Camiño de Santiago; Livddans, de tecnoloxía e formación en liña para baile; Elora, relacionado con inodoros intelixentes orientados ao benestar, control sanitario e optimización de consumos; e Precise Future, de desenvolvemento de sofware personalizado.
Neste encontro tamén se presentou Vacantes.gal, que é unha plataforma de intermediación laboral; Alejandro Barral Licitaciones, unha plataforma e servizo dixital de acceso, xestión e automatización de licitacións para empresas; Arnech, que ofrece solucións dixitais para a mellora dos procesos en pemes; AK Investiment Trade Global, unha aplicación de chatbot de intelixencia artificial; La Tribu Verde, unha consultora medioambiental especializada no sector das producións audiovisuais, festivais e eventos recoñecida como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT); e Bertinver Business Growth, centrada en actividades de enxeñaría, consultoría e prestación de servizos tecnolóxicos.
O Polo de Emprendemento de Melide, impulsor do encontro deste martes 23 de decembro, é unha das 15 oficinas da Rede de Polos de Emprendemento da Xunta, que ofrece un servizo gratuíto de acompañamento e asesoramento personalizado tanto a persoas que están a valorar a posibilidade de poñer en marcha unha iniciativa empresarial como a aquelas que xa comezaron a súa actividade e queren fortalecela. A Rede presta especial atención ao medio rural, co obxectivo de “reactivar a economía local e favorecer a fixación de poboación”. Neste marco, o Polo de Melide leva asesorado máis de 320 proxectos empresariais, contribuíu á creación de 30 empresas e promoveu máis dun cento de actuacións, entre encontros con axentes locais, accións formativas e eventos organizados no seo da propia Rede.
