O Programa ÚNICO permitiu que preto de 800 fogares e empresas de Padrón contaran con banda larga

mércores, 21 de febreiro do 2024 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde de Padrón, Anxo Rei, con quen repasou os investimentos do Goberno no concello, que superan o sete millóns de euros. En concreto, o delegado e o rexedor padronés destacaron as obras de modernización da estación de tratamento de auga potábel (ETAP) de Padrón, que executa Augas de Galicia e nas que o Goberno inviste 7,4 millóns de euros (e que permitirán situar a capacidade da infraestrutura nos 630 litros por segundo), e os proxectos recentes executados para incrementar a sustentabilidade enerxética e a presenza da banda larga no concello.
Así, no transcurso da reunión, o delegado e Anxo Rei repasaron o impacto da mellora da eficiencia enerxética do sistema de iluminación do municipio grazas ás axudas de 240.000 euros do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (DAE) do Ministerio de Transición Ecolóxica; ou a extensión da banda larga da man do Programa ÚNICO do Ministerio de Transformación Dixital, que permitiu levar Internet de alta velocidade a 794 fogares e empresas que non contaban con este servizo.
O Programa ÚNICO-Banda larga é unha actuación que se enmarca dentro no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) da economía española e está financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. O obxectivo desta actuación é achegar o país á universalización das redes públicas de comunicacións electrónicas capaces de proporcionar servizos de banda larga ultrarrápida ás zonas sen cobertura adecuada nin previsións para a súa dotación nos próximos tres anos, a través da concesión de axudas aos operadores de telecomunicacións.

PUBLICIDADE