O Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), no marco do Proxecto Nós, buscan persoas voluntarias para participar nun estudo sobre a percepción da fala sintetizada en galego.
O Proxecto Nós, como lembraremos, é unha iniciativa impulsada pola Secretaría da Lingua e materializada pola Universidade de Santiago para reforzar a presenza do galego na tecnoloxía dixital (impulsando o desenvolvemento de recursos lingüísticos, modelos de intelixencia artificial e ferramentas que permitan o seu uso natural en contornas actuais e futuras).
A campaña de voluntariado convocada agora ten como obxectivo analizar como se interpretan diferentes tipos de oracións xeradas por modelos de síntese de voz, estudando aspectos como a entoación e os patróns prosódicos. A través dun breve test auditivo, as persoas participantes escoitarán distintos fragmentos de voz e deberán identificar se corresponden a oracións declarativas, interrogativas, exclamativas ou en suspenso, ademais de valorar a adecuación da súa entoación.
A colaboración consiste nunha proba sinxela cunha duración aproximada de 10 minutos. As respostas obtidas permitirán mellorar os sistemas de tecnoloxías da fala en galego e contribuír ao desenvolvemento de ferramentas máis naturais e precisas.
Para participar só é necesario rexistrarse en FOLERPA e realizar o test a través en liña.
Dende a USC lembran que “a colaboración da comunidade galega en liña é fundamental para seguir avanzando na investigación sobre a nosa lingua e as novas tecnoloxías”.
De feito, o Proxecto Nós ten como obxectivo situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e da intelixencia artificial, mediante a creación de infraestruturas básicas como corpus abertos, modelos de linguaxe, tradutores automáticos, recoñecedores de voz e sistemas de síntese. Ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, a iniciativa contribúe á modernización do tecido empresarial e á creación de novos produtos e servizos baseados no uso do galego en contornas tecnolóxicas avanzadas.
O Proxecto Nós busca persoas voluntarias para participar nun estudo sobre a fala sintetizada en galego
Compartir Este Artigo

