O Realme GT 5G chega como o móbil máis económico cun procesador Snapdragon 888
martes, 15 de xuño do 2021
Tras unha carreira dos distintos fabricantes de smartphones
por conseguir o terminal máis económico con conectividade 5G, agora parecen querer
competir por facer os móbiles máis potentes polo menor prezo posible, e nesta
liña chega o Realme GT 5G,
que equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 888, poderá adquirirse cun
prezo promocional que parte dos 369 euros (aínda que o prezo oficial do modelo
básico será de 449 euros) facendo bastante accesible o que pode considerarse a
base dos topes de gama con Android.
O Realme GT 5G non só vén co procesador de referencia do ano, senón que tamén
presume dunha pantalla Super AMOLED de 6,43 polgadas cunha velocidade de
refresco de 120 Hz, 8/12 GB de memoria LPDDR5, 128/256 GB de almacenamento UFS
3.1, cámara traseira tripla cun sensor principal de 64 Mpíxeles e unha cámara
frontal de 16 Mpíxeles, refrixeración por vapor de aceiro inoxidable,
altofalantes estéreo con Dolby Atmos e Hi-Res Audio, batería de 4.500 mAh con
carga rápida de 65 watts (capaz de cargar completamente o móbil en 35 minutos).
A nivel de conectividade, aparte de 5G tamén conta con Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2 e
NFC. O móbil ten un grosor de 8,4 milímetros e un peso de 186 gramos.
Estamos ante un smartphone realmente notable, que sairá á venda o 21 de xuño,
podendo adquirirse en promoción en AliExpress con 8 GB de RAM e 128 GB de
almacenamento a un prezo de 369 euros, mentres que en Amazon estará dispoñible
por 499 euros a versión con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno.
Estes móbiles custarán 449 e 599 euros rematada a promoción de lanzamento.
- O móbil sairá á venda en tres cores bastante rechamantes