O Realme GT5 Pro sorprende integrando desbloqueo coa palma da man

xoves, 7 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Realme vén de lanzar na China o seu novo móbil insignia, o Realme GT5 Pro, que non se limita a ter unhas especificacións moi completas a un prezo bastante axustado, senón que incluso atrévese a innovar incorporando un sistema de desbloqueo baseado na lectura da palma da man do usuario (asegurando que esta tecnoloxía é tan segura coma o recoñecemento facial).
Amais tamén aproveita o recoñecemento da man para identificar unha serie de xestos que poden aproveitarse para acceder á listaxe de aplicacións recentes, mover o cursor, volver á pantalla principal ou facer unha captura de pantalla.
Cómpre salientar que este método de desbloqueo non é exclusivo, senón que tamén mantén o lector de impresións dixitais baixo a pantalla, polo que podemos entender que o desbloqueo mediante a palma da man está pensado para situacións nas que tocar a pantalla pode ser complicado (como cando se teñen as mans molladas).
O Realme GT5 Pro funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3, até 16 GB de RAM LPDDR5X, até 1 TB de almacenamento UFS 4.0, pantalla AMOLED de 6,78 polgadas cunha velocidade de refresco de 144 Hz e un brillo de 4.500 nits, cámara traseira tripla (cun sensor principal estabilizado de 50 Mpíxeles, un teleobxectivo cun sensor IMX890 de 50 Mpíxeles e un ultra grande angular de 8 Mpíxeles) e unha batería de 5.400 mAh con carga rápida de 100 watts por cable e 50 watts sen fíos. Tamén integra un sistema de refrixeración de grande superficie e certificación IP64 contra o po e a auga.
O Realme GT5 Pro sae á venda cun prezo que parte dos 3.298 iuans (430 euros) para o modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento e chega até os 4.198 iuans (547 euros) para o modelo con 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento.

PUBLICIDADE