O Redmi 6 Pro integra cámara dual e batería de 4.000 mAh

luns, 25 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Os smartphones de gama media de Xiaomi continúan a mellorar as súas prestacións, e así temos o novo Redmi 6 Pro, que cun procesador Qualcomm Snapdragon 625, 3/4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento (ampliable mediante microSD), cámara traseira dual de 12 e 5 Mpíxeles, cámara frontal de 5 Mpíxeles situada nunha pestana superior, unha pantalla de 5,84 polgadas cunha resolución de 2.280 x 1.080 píxeles (cunha relación de aspecto de 19:9), lector de pegadas traseiro, desbloqueo de pantalla facial, batería de 4.000 mAh, un grosor de 8,75 milímetros e un peso de 178 gramos, quere converterse nun dos referentes para que busca un teléfono económico con boa cámara e grande autonomía.
O Redmi 6 Pro chega ao mercado con carcasas de numerosas cores e 3 configuracións diferentes: a básica con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento a un prezo de 999 iuans (130 euros), a intermedia con 4 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno a un prezo de 1.199 iuans (156 euros) e a máis completa con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno por 1.299 iuans (169 euros). Destaca o feito de que poidan incorporar tarxetas microSD de até 256 GB e que a bandexa na que se coloca sexa tripla, ou sexa, que permita usar simultaneamente 2 tarxetas nano SIM e unha tarxeta microSD.

O Redmi 6 Pro aposta por un deseño atractivo, un tamaño compacto, unhas boas prestacións e un prezo moi axustado

PUBLICIDADE