O RockLab e o Día das Letras poñen fin ao Salón do Libro máis virtual da historia
xoves, 14 de maio do 2020
Boa
parte dos grandes acontecementos culturais que estaban previstos para
esta primavera na nosa terra tiveron que adaptarse ás posibilidades
que ofrecen as novas tecnoloxías, dándose o fito de que, malia as
complexidades dos tempos que estamos a vivir, todos eles acadaron
algún que outro fito novo en materia de repercusión e
participación. Por exemplo a edición máis virtual do Salón
do Libro de Pontevedra, que leva dous meses de intensa actividade
(dende o 12 de marzo, cando se tiveron que pechar as portas físicas)
nas redes e na súa web focalizando boa parte dos seus esforzos en
amenizar o confinamento da cativada e achegar ás familias recursos
de xogos. Este
domingo, o salón pechará as súas portas dixitais coincidindo co 17
de maio, o Día das Letras Galegas.
En
definitiva, non só foi o Salón do Libro máis virtual da historia,
senón tamén o máis longo (a clausura estaba programada para o 22
de marzo) e o máis envorcado en mitigar, con creatividade e lecer,
as consecuencias da reclusión das familias nos seus fogares.
A
mesma fórmula do virtual será que presida o concerto de clausura
desta edición, a cargo do RockLab, actividade músical do Concello
de Pontevedra, impartida no Pazo da Cultura e dirixida por Gonzalo
Maceira. Segundo informa Maceira, dar forma a esta actividade foi un
reto complexo: “Traballamos con 30 alumnos/as de 6 a 10 anos a
través de Goole Classroom e Zoom para as clases e levamos a cabo
sesións de diferente tipo: individuais, por grupos pero sobre todo
moita formación para pais, que se involucraron moitísimo no
proxecto. Sen a súa colaboración e implicación 100% non tería
sido posible chegar a porto”.
A
emisión das actuacións dos Rock N roll Monsters e Os Cabaleiros e
Damas do Rock terá lugar o domingo 17 cara ás 18h. no Facebook,
Instagram, Youtube e web do Salón. Tamén está prevista a segunda
parte do obradoiro Aprende banda deseñada con Fiz de Kiko
Dasilva. Ao longo do día celebrarase difundiranse diferentes pezas
audiovisuais a xeito de recompilacións do acontecido.
