O SEPE adxudica á galega Altia a xestión dos seus sistemas de TI

xoves, 13 de marzo do 2025 S. P.

O Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) adxudicou á empresa galega Altia, xunto con outras dúas consultoras, un contrato para a xestión integral dos seus sistemas e infraestruturas tecnolóxicas. Este contrato, cunha duración de dous anos, encádrase na estratexia do SEPE de seguir fortalecendo as súas capacidades tecnolóxicas para garantir “unha mellor prestación dos seus servizos a empregados, colaboradores e cidadáns”.
Como lembraremos, o SEPE é o organismo autónomo responsable de xestionar as políticas de emprego en España, que abrangue desde a prestación por desemprego ata a intermediación laboral. Nos últimos anos, a demanda dos seus servizos puxo de manifesto a necesidade de modernizar os seus sistemas tecnolóxicos, sendo este proceso imprescindible para garantir a dispoñibilidade, a seguridade e a eficacia na prestación da súa actividade.
Logo de colaboracións previas co SEPE noutras iniciativas, a consultora tecnolóxica Altia confirmou que vai ser a empresa responsable da xestión e o soporte dos sistemas departamentais, “un compoñente esencial para o correcto funcionamento da institución”, explican dende a empresa con sede en Oleiros, engadindo que “entre as tarefas asignadas atópanse a administración de postos de traballo, incluídos computadores, monitores, teclados e dispositivos periféricos como webcams e equipos de dixitalización de firmas, ferramentas fundamentais para asegurar a operatividade diaria do SEPE, tanto nos seus servizos centrais como nas oficinas distribuídas por todo o territorio nacional”.
Ademais, o proxecto abrangue a coordinación e xestión de solucións IoT (siglas de Internet das Cousas), unha área na que Altia achegará a súa experiencia na administración de sistemas de xestión de quendas e recursos compartidos. Tamén se inclúe a supervisión dos inventarios de sistemas periféricos e a correcta implantación de aplicacións corporativas, que permitirán ao SEPE optimizar os seus procesos internos e mellorar a eficiencia das súas operacións.
Doutra banda, a empresa galega encargarase tamén da axeitada xestión de incidencias e peticións dos usuarios, tanto internos como externos, o que esixe “unha robusta estrutura de soporte técnico”, explica Altia, apuntando que “o sistema asegura que calquera problema ou solicitude sexa atendido de forma eficiente, minimizando tempos de resposta e asegurando a continuidade operativa”. A adxudicación tamén prevé niveis de soporte graduados que permitirán un servizo adaptado ás distintas necesidades dos usuarios.
“Estamos orgullosos de contribuír coas nosas capacidades ao soporte e evolución dos sistemas do SEPE”, afirmou Manuel Aranda, director en Altia, engadindo que “este proxecto reforza a nosa posición no ámbito da transformación dixital das administracións públicas e permítenos seguir demostrando a nosa solvencia técnica en proxectos de alta relevancia. Sabemos que a correcta xestión destes sistemas é clave para o éxito do SEPE, e estamos comprometidos a ofrecer solucións que engadan valor real ás súas operacións”.