O SERGAS organiza un foro virtual con motivo do Día Mundial da Saúde Mental
luns, 11 de outubro do 2010
No marco do Día Mundial da Saúde
Mental, que por certo se celebra hoxe mesmo, a Dirección de Asistencia
Sanitaria do Servizo Galego de Saúde e a Escola Galega para Cidadáns van
organizar, a través de Internet, un foro virtual no que as persoas interesadas poderán
obter información puntual e detallada sobre as cuestións que os inqueden en
relación ás enfermedades mentais.
Esta actividade, que forma parte do
Proxecto Nise contra o estigma na enfermidade mental, desenvolverase a partir
das 17 horas, e nela poderán participar todas aquelas persoas que o desexen,
accedendo á web da Escola Galega de
Cidadáns.
Unha vez dentro da web, os usuarios
deberán premer no apartado O experto
responde onde figurará un acceso aberto para enviar cadansúas preguntas ou
cuestións en relación ás enfermedades mentais, que serán respostadas polos
profesionais en tempo real.
Os tres especialistas convidados polo
departamento que dirixe Pilar Farjas Abadía e aos que a cidadanía poderá
plantexar todas as preguntas que considere relevantes son: Mario Páramo,
psiquiatra e presidente da Asociación Galega de Psiquiatría; Gonzalo Martínez,
psicólogo clínico e presidente da Asociación Galega de Saúde Mental; e José
Ramón Girón, médico de familia e presidente de FEAFES Galicia.
Segundo informan
dende o SERGAS, con este foro de expertos inaugúrase o Proxecto Nise contra o
estigma na enfermidade mental, que se levará a cabo en Galicia ata o ano 2014,
e que “será unha das liñas estratéxicas
prioritarias en saúde mental do Servizo Galego de Saúde”.
