O Samsung Galaxy Z TriFold semella máis vulnerable que os seus predecesores

venres, 26 de decembro do 2025 Redacción

O que para moitos é o smartphone máis interesante do ano, o Samsung Galaxy Z TriFold, non superou con éxito unha esixente proba de resistencia, na que quedou patente que o seu deseño encartable presenta máis puntos fráxiles que os seus predecesores. O terminal foi sometido a un test de durabilidade extremo polo coñecido creador de contidos JerryRigEverything, no que o dispositivo acabou cedendo tras unha flexión contraria ao seu uso normal.
A diferenza do máis recente Galaxy Z Fold 7, que amosou unha solidez superior en probas semellantes, o modelo TriFold non foi quen de soportar a mesma presión. O vídeo de resistencia inclúe as habituais comprobacións de rabuñaduras, exposición ao lume, presenza de sucidade e probas de flexión. As dúas primeiras non ofreceron sorpresas, confirmando que o vidro encartable segue a ser relativamente brando.
Foi na exposición á sucidade e, sobre todo, na proba de dobrado onde xurdiron os problemas máis graves. A area introducida nas bisagras provocou ruídos de fricción ao abrir e pechar o dispositivo, evidenciando unha menor protección fronte a partículas externas. Con todo, o momento decisivo chegou ao aplicar unha flexión en sentido contrario ao previsto: cunha forza moderada, a pantalla comezou a fallar, apareceron píxeles mortos e unha das bisagras laterais acabou por romper.
Aínda que o teléfono non quedou totalmente inservible desde o punto de vista electrónico, a reparación da pantalla tería un custo tan elevado que o fai pouco asumible para a maioría dos usuarios.
Cómpre lembrar que probas previas centradas na durabilidade das bisagras do Galaxy Z TriFold indicaban que o terminal pode soportar máis de 150.000 ciclos completos de pregado, unha cifra próxima aos 200.000 pregados que asegura o fabricante. Non obstante, Samsung non fixo afirmacións concretas sobre a resistencia a presións exercidas en sentido inverso ao movemento natural do dispositivo. Nesa situación, o TriFold tende a dobrarse sobre si mesmo de maneira incorrecta, o que explica o fallo observado, que dificilmente se produciría en condicións de uso normais, pois estamos ante un dano realizado ao dispositivo dun xeito claramente intencionado.
O Samsung Galaxy Z TriFold saíu este mes á venda en Corea do Sur, e nos vindeiros días chegará ás tendas dos EE.UU., descoñecéndose polo momento se chegará a venderse en España, pois estamos ante un móbil cun prezo bastante elevado e unha fabricación complexa, o que pode limitar moito a súa dispoñibilidade comercial.

Vídeo no que torturan o TriFold