O Software multi-formato de Flumotion gaña o Óscar do Streaming deste ano
xoves, 22 de outubro do 2009
O Software de Streaming de Flumotion, que
na actualidade lle ofrece servizo a grupos de medios como Antena 3, COPE e
RTVE, vén de facerse co Oscar do
Streaming deste ano, na categoría de Best
Streaming Innovation, ao acadar unha ampla maioría de votos.
Este galardón, que premia 24 meses de
esforzos no desenvolvemento dunha tecnoloxía que simplifica o acceso ao mundo
do streaming, é un evento de
referencia nesta industria e destaca os produtos e servizos emerxentes máis
revolucionarios do sector.
O conxunto de prestacións de streaming que
ofrece esta compañía é único en todo o mundo e mostra como a innovadora
tecnoloxía de Flumotion “está a cambiar a industria”.
Segundo os expertos, “cada usuario pasa unha media de 3 horas ao mes mirando vídeos en
Internet”, esta plataforma, que ofrece unha selección moi ampla de contidos
multimedia, permite vivir unha experiencia personalizada e interactiva.
Asemade, para as compañías, o vídeo en
liña en streaming
estase a converter en algo imprescindible, como o era ter unha páxina web a
finais dos 90, e na actualidade, as empresas están a ver como o vídeo en streaming é “o novo motor da comunicación”.
Para facer do streaming unha tecnoloxía de uso
común, é esencial, segundo afirman, “ofrecer
solucións end-to-end (de inicio a fin), que permitan aos clientes cubrir o
proceso de streaming enteiro, dende a codificación
do vídeo ou audio ata a súa retransmisión en liña,
incluíndo ademais as licenzas dos códecs de
terceiros”.
O Software de Streaming
de Flumotion, gañador do galardón deste ano, é o único produto en todo o
mundo que ofrece esta combinación única de prestacións e licenzas, e que conta
cunha e-shop, unha aplicación que lle
permite aos clientes adaptar o software de streaming
ás súas necesidades técnicas e financieiras.
A tecnoloxía de Flumotion permite,
asemade, que as distintas TV, emisoras de radio e portais de vídeos en liña,
poidan retransmitir contidos dende os seus propios equipos.
En tan só un día, o usuario pode
configurar o sinal e facelo chegar a 1.000 usuarios simultáneos, visualizando
vídeo a 500 Kbps; ou a 7.600 usuarios á vez se escoitan audio a 64 Kbps.
