O Sony Xperia 5 II ofrece boas cámaras e grandes prestacións para xogar

xoves, 17 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Sony presentou o seu segundo móbil con conectividade 5G, o Xperia 5 II, que presenta un novo deseño e un bo rendemento (grazas ao procesador Qualcomm Snapdragon 865 5G), aínda que os seus puntos fortes serían principalmente a súa pantalla OLED Full HD+ de 6,1 polgadas en formato 21:9 cunha taxa de refresco de 120 Hz (co que pretende captar a xogadores esixentes) e as súas cámaras. A cámara traseira tripla do Xperia 5 II conta con ópticas ZEISS e sistemas de enfoque automático propios das cámaras Sony Alpha, podendo tamén gravar vídeo 4K HDR a 120 imaxes por segundo, o que permitiría realizar así impresionantes secuencias en cámara lenta.
Para a reprodución multimedia non só conta cunha boa pantalla, senón que tamén está acompañada por altofalantes estéreo e unha toma para auriculares (característica moi apreciada por xogadores que así poden gozar dunha boa experiencia sonora sen padecer os retardos propios do Bluetooth).
Temos así un bo smartphone para quen busca un dispositivo de grande potencia nun formato compacto (algo cada vez menos frecuente), que tamén conta con resistencia á auga IP65/68 e Corning Gorilla Glass 6 (por diante e por detrás), conseguindo unha boa resistencia, mentres que en autonomía, confórmase cunha batería de 4.000 mAh que pode cargarse até o 50% en 30 minutos.
Este móbil que sairá á venda no outono a un prezo de 899 euros está claramente enfocado para usuarios que buscan boa fotografías e vídeos, tirando proveito de características como o enfoque automático de ollos (que garante que as persoas saian nítidas), que ten lentes con grandes angulares de 16 e 24 milímetros (segundo a cantidade de imaxe que queira captarse), o seu teleobxectivo de 70 milímetros consegue un zoom óptico de 3x e, para unha mellor ergonomía, conta cun botón específico para empregar a xeito de disparador.

JPEG - 78 KB
O Xperia 5 II ten un botón físico que fai de disparador fotográfico

PUBLICIDADE