O Tour Tecnolóxico de @aslan aterra na Coruña

mércores, 16 de outubro do 2024 S. P.

A asociación @aslan, entidade de referencia a nivel global con máis de 180 empresas tecnolóxicas adheridas, celebrou na Coruña a segunda etapa do seu Tour Tecnolóxico. Foi un evento que reuniu a destacados expertos e líderes do ámbito tecnolóxico como Zoom, Dell e Lenovo, entre outros, para debater sobre as tendencias emerxentes e as oportunidades que ofrece a dixitalización en Galicia. A xornada desenvolveuse coa presenza de directivos TIC, representantes do sector público e empresas, nun espazo deseñado para promover o intercambio de ideas e a colaboración en proxectos tecnolóxicos estratéxicos.
Alberto Pascual, presidente da Asociación @aslan, destacou a relevancia da xira para conectar aos actores clave do sector: "A dixitalización non é só unha tendencia, senón unha necesidade urxente para que Galicia poida competir nunha contorna global cada vez máis complexo. O noso obxectivo co Tour Tecnolóxico é facilitar un espazo onde directivos, institucións e responsábeis de tecnoloxía poidan identificar sinerxías e colaborar en proxectos que transformen a comunidade autónoma”.
O evento celebrado no Hotel Finisterre contou con 14 relatorios de diferentes expertos nos que se abordaron as actuais prioridades tecnolóxicas e o impacto da Intelixencia Artificial (IA), a xestión de datos e a automatización no desenvolvemento da nosa comunidade. Entre estas intervencións, Javier Donoso, responsábel de vendas de Sophos, falou sobre a Evolución das SecOps: Intelixencia e XDR para unha defensa proactiva contra o cibercrime, destacando a importancia dunha estratexia de seguridade proactiva e baseada en datos para anticiparse ás ameazas cibernéticas.
Doutra banda, Fernando Ruiz Romero, xestor de vendas de Allied Telesis, centrouse nas Redes para Infraestruturas Críticas, subliñando o papel fundamental que xogan as solucións de rede robustas e seguras.
Tras esta serie de relatorios celebrouse o xantar Retos e Oportunidades en Galicia, unha sesión que permitiu aos asistentes profundar nas posibilidades de cooperación e nas vías para canalizar fondos europeos cara á innovación dixital en Galicia, con especial foco na Estratexia de Dixitalización do Concello e dos organismos públicos da comunidade. Durante o coloquio, subliñouse o papel crucial da IA e a tecnoloxía en áreas como a nube, os centros de datos e a automatización de procesos, cun enfoque especial en como estas ferramentas poden ser potenciadas a través dos fondos europeos.
Juan Francisco Puentes, subdirector de Certificación, Avaliación, Coordinación e Formación en IA da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), subliñou a necesidade de desenvolver as tecnoloxías intelixentes de forma segura e ética, impulsando unha regulación adecuada para a súa implementación responsábel.