O pasado mes de xuño, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditou que a normativa española que regula o chamado canon dixital dende 2012 é contrario á Directiva europea que establece o marco xurídico harmonizado dos dereitos de autor dende 2001, sendo esta resolución resposta ante unha consulta do Tribunal Supremo, ante o que as entidades de xestión colectiva de dereitos de autor (EGEMA, DAMA e VEGAP) recorreron por considerar que inxusto o sistema de compensación de dereitos de autor a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado (e que supuxera unha caída de ingresos por tal concepto que estiman en máis do 80%).
A consecuencia do ditame europeo é por fin oficial en España, xa que a Sala Terceira do Tribunal Supremo finalmente anulou o Real Decreto 1657/2012 de 7 de decembro que regulaba o funcionamento do canon dixital, xa que o regulamento actual tería que permitir que o custo efectivo da compensación recaese só en usuario da copia privada e, en ningún caso, nas persoas xurídicas, condicións que resulta moi difícil cumprir se o canon sae dos Orzamentos Xerais.
Aínda que a normativa fora modificada pola Lei 21/2014 sobre propiedade intelectual, ao manterse o regulamento do procedemento de pagamento con cargo aos Orzamentos Xerais, queda sen fundamento legal efectivo, ou sexa, que o sistema que ata onte estaba en vigor deixa de poder aplicarse, polo que o Goberno deberá aprobar un novo regulamento de xeito urxente para poder compensar aos responsables de dereitos de autor pola copia privada.
Tamén é unha incógnita se as entidades de xestión de dereitos de autor poderán saír coa súa e conseguir recuperar os montantes económicos anteriores á actual regulación en concepto de copia privada, pois resulta innegable que a emerxencia de servizos de música en streaming e de plataformas audiovisuais como Netflix supuxeron unha notable redución das copias, polo que a caída de tal compensación podería ser un simple reflexo dun cambio nos hábitos de consumo.
O Tribunal Supremo confirma a nulidade do canon dixital actual
Compartir Este Artigo
