O Xacobeo 2021 será retransmitido en streaming en 16 países e pola TVG

martes, 29 de decembro do 2020 Pedro Pérez

A apertura do Xacobeo 2021 terá lugar o vindeiro 31 de decembro, cun acto vídeo-musical que se proxectará en 16 países e que será retransmitido en streaming e pola TVG. “É un acto especialmente simbólico que queremos achegar ao maior número de persoas”, explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Por unha banda, porase en marcha un acto vídeo-musical de benvida que terá a Carlos Núñez como condutor, que tralo peche do acto litúrxico interpretará dúas pezas musicais escollidas para a ocasión. De seguido proxectarase un vídeo de benvida do Ano Santo, no que participarán artistas como Julio Iglesias, Alejandro Sanz, Amaral ou Rozalén, que saúdan coa esperanza de volver atoparse nesta Galicia que forma parte de todos dun xeito ou doutro. “Un audiovisual que representa todo o que queremos que sexa este Xacobeo, seguro e diversificado por todo o territorio”, dixo a directora de Turismo de Galicia.
A retransmisión do acto chegará a 16 países de Europa e América como Italia, Portugal, Holanda ou Arxentina, grazas á colaboración de Turespaña. Ademais, a Televisión de Galicia emitirá todo o acto de forma íntegra, a través do sinal convencional e da súa canle de Youtube. Deste xeito, Nava Castro quixo destacar a boa acollida que está a ter a campaña Camiña a Galicia, que ten como obxectivo chegar ao 70% da poboación española nesta conta atrás de cara ao Ano Santo, co iniciativa #AcendeoXacobeo. Por iso, o 31 de decembro, iluminaranse case un cento de emprazamentos singulares por toda España para celebrar o comezo deste Ano Santo.

PUBLICIDADE