O alcalde do Son, a edil de Cultura e o patrón maior de Portosín recolleron voces en galego para o Proxecto Nós

mércores, 27 de decembro do 2023 S. P.

O rexedor de Porto do Son, Luis Oujo

O Proxecto Nós, destinado a consolidar e dinamizar o galego no ámbito das tecnoloxías intelixentes de vangarda (impulsado pola Universidade de Santiago e a Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística), comezou esta semana unha nova e interesante andaina. Fíxoo en Porto do Son, onde foi activada unha liña de traballo para recoller diferentes xeitos de falar da nosa terra. No arrinque da iniciativa, unha campaña de doazón de voz para crear unha gran base de datos dixital que salvagarde o tesouro galego das diversidades dialectais e fonéticas, participaron o alcalde de Porto do Son, a concelleira de Cultura do Son, Alicia Martínez, e o patrón maior da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín, Isaac Gaciño, que realizaron cadansúa doazón de voz á campaña.
A cita desenvolveuse na Aula CeMIT de Porto do Son en horario de mañá e tarde. Achegáronse 15 minutos de tempo pautado para que a cidadanía que quixese contribuír puidese pór o seu gran de area no impulso do Proxecto Nós e un dos seus grandes cometidos: axudar ao desenvolvemento de ferramentas de Intelixencia Artificial que nos permitan relacionarnos en lingua galega con calquera dispositivo electrónico. Todas as persoas participantes foron agasalladas cun libro.
A campaña AgasallaNós
O obxectivo da nova campaña (chamada AgasallaNós) é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas. A iniciativa foi debullada polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na súa visita a Porto do Son, na que se reuniron co alcalde Luis Oujo.
A finalidade desta campaña é “crear un rexistro o máis variado posíbel”, e para iso é preciso contar cunha gran cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais.
Co fin de ir achandando o camiño desta nova vertente do proxecto, este martes recolléronse mostras vocais de xeito presencial na proba piloto habilitada na Aula CeMIT de Porto do Son.
Ademais, o reitor e o conselleiro lembraron que as contribucións poden facerse tamén de xeito telemático vía web , na que está integrada a ferramenta Common Voice, a aplicación de referencia a nivel mundial para a recollida de voces para o seu uso en materia de tecnoloxías lingüísticas. A meta da campaña é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para garantir que o software recoñecedor de voz funcione sen problemas.
Segundo lembraron o Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial está a xerar os recursos necesarios para colocar o galego “na vangarda das tecnoloxías intelixentes, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas tecnoloxías lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial”. Dentro do proxecto compílanse recursos e desenvólvense ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos.
Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiras persoas, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen. O proxecto encádrase dentro das estratexias galega, española, e europea orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso das linguas nos ámbitos de aplicación da IA. O Proxecto Nós é un proxecto da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á USC, a través do ILG e o CiTIUS.

PUBLICIDADE