O alumnado de Ames clama pola xustiza social en formato podcast
xoves, 5 de marzo do 2026
O alumnado de 3º da ESO do IES Milladoiro de Ames traballa como un equipo de xornalismo radiofónico e grava estes días un ciclo de podcast para loitar contra o machismo, o discurso de odio contra o colectivo LGBTIQ+, a xenofobia e os abusos ambientais no marco do proxecto web Activistas polo mundo queremos.
As vindeiras citas son este luns 9 de marzo, de 8.50 a 10.30 horas e de 10.50 a 12.30 horas; e este martes 10 de marzo, de 8.50 a 10.30 horas e de 12.50 a 14.30 horas.
En obradoiros anteriores a mocidade achegouse á figura da persoa activista e reflexionou sobre o poder transformador da radio e dos novos formatos dixitais sonoros (podcast).
Tamén centraron esforzos e creatividade na comunicación transformadora: un percorrido polos medios de comunicación e as redes sociais para fomentar o seu consumo crítico, reflexionar en torno as mensaxes que nos chegan día a día e poñer o foco no que podemos facer cada un de nós para intentar frear a súa influencia nas nosas vidas.
Agora, nesta ocasión, o alumnado participante “exerce como xornalista e investiga, redacta e grava reportaxes para lograr unha auténtica transformación social”, segundo explicou AGARESO, entidade co-organizadora destas actividades, engadindo que “as e os estudantes de Ames súmanse aos case 300 adolescentes que dende Ponteceso, Muxía e Moaña participan este ano na 13ª edición de Activistas polo mundo queremos”.
Trátase dun proxecto de Educación para a Cidadanía Global que chegou a máis de 5.000 dende 2013. O programa forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada
pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e faise posible grazas a tres ONG: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), con financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.
