O ano que vén verá a luz o Office 2019

mércores, 27 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Microsoft renova a súa suite ofimática aproximadamente cada 3 anos, de xeito que tras o Office 2007, 2010, 2013 e 2016 parecía evidente que teriamos un 2019, e pese a que falta aproximadamente un ano para a súa presentación, en aras da transparencia e para que as empresas poidan prevelo na súa política de adquisición/subscrición de software, anuncian xa que na segunda metade de 2018 verá a luz o Office 2019.
O novo paquete ofimático incluirá as aplicacións básicas (Word, Excel, PowerPoint e Outlook) e de servidores (incluíndo Exchange, SharePoint e Skype for Business). En Office 2019 engadirán novas prestacións, como mellorar as funcionalidades de tinta (con sensibilidade á presión e á inclinación, e facilitando as repeticións), incorporar novas fórmulas e gráficos para a análise de datos en Excel, engadir novas animacións para as presentacións de PowerPoint e incluso mellorar os servidores para integrar facilidades en cuestións de seguridade e administración.
Lembremos que Microsoft leva uns anos apostando por converter o seu software ofimático nun servizo, de xeito que a compra de Office 2016 con licenza perpetua estaba limitada a usuarios particulares, mentres que dende as empresas só está dispoñible Office 365, o que permite que as compañías podan estar sempre ao día no seu software, xa que terán dispoñible sempre a última versión das aplicacións de Microsoft.

PUBLICIDADE