O buscador galego Classora permítenos inserir rankings nos nosos blogs
venres, 17 de xuño do 2011
- Un dos rankings de Classora incrustado nun blog
Classora, o buscador intelixente de
raizame galega, segue a ser fonte de novidades no seu camiño
cara a converterse en alternativa directa e eficaz aos procuradores
que, como Google, seguen sen ser a resposta a tódalas nosas
necesidades (calquera pode velo con cada operación de busca que sexa
un pouquiño máis enleada do normal, onde a palla acapara todo e o
gran non aparece). Segundo
nos contan os responsables da ferramenta dende o seu blog, xa
está a disposición de toda a comunidade internauta o código HTML
de Classora para inserir o widget que
permite dar acubillo, dende o noso caderno en liña, ás
clasificacións ou rankings
que son piares fundamentais do buscador galego.
O código está dispoñíbel en cada páxina de
listaxes ou unidades de coñecemento de Classora, xusto no apartado
especificado como Inserir noutra web.
Segundo informa o equipo do galego Iván Gómez,
socio fundador da dita iniciativa de procuras intelixentes, o feito
de inserírmonos unha clasificación cun widget
procedente deste procurador achéganos
unha serie de vantaxes. En primeiro lugar e máis importante, contan,
teremos a listaxe en cuestión totalmente actualizada, cousa que ten
especial relevancia se a clasificación está suxeita a trocos
constantes, como no caso das deportivas de toda índole. En segundo
lugar, cómpre sinalar que o que se nos entrega é o ranking
en cuestión xa maquetado, incluíndo
imaxes, e complementado con datos engadidos e ligazóns ás unidades
de coñecemento de Classora. Por certo que no blog de Classora, no
apartado no que se informan destes servizos, subminístranse exemplos
dos resultados e feituras finais deste fornecemento de
clasificacións, tanto na súa
versión deportiva, como no que se refire á música (neste caso
concreto, a Eurovisión)
ou a práctica do xogo e á
elección da mellor das consolas. “Até
o de agora”, engádese, “hai
dous tipos de widgets en Classora, por unha banda os de rankings e
informes e, pola outra, os de coñecemento; agardamos paseniño ir
incorporando novas funcionalidades para que poidades compartir
consultas avanzadas, mapas ou gráficos de tipo ineractivo, entre
outras cousas”.