O cemiterio de Lugo aspira na Rede a ser o que ten mellor actividade de portas abertas
venres, 29 de setembro do 2017
Xa está na recta final o certame en liña no que
concorre o Cemiterio de
San Froilán de Lugo e no que aspira a converterse no “camposanto
de mellor actividade de portas abertas”. Segundo nos conta o
Concello, as votacións vía web rematan este 30 de setembro.
Asemade, o Goberno local fai un chamamento á cidadanía para que
apoie ao seu cemiterio nas votacións, contribuíndo, sinala, a unha
máis que merecida visualización. Como lembraremos, o concurso está
promovido pola Adiós Cultural. As votacións pódense facer en
www.revistaadios.es ou ben
a través de www.lugo.gal.
Segundo informa o Concello, de gañar Lugo nesta
convocatoria, contribuiríase a aumentar o atractivo turístico do
municipio, amais de pórse en xogo unha boa oportunidade para amosar
ante o mundo o patrimonio lugués e “dar un paso máis no impulso
do cemiterio, non só como obxecto do turismo patrimonial, senón
tamén emocional”.
Esta é a segunda ocasión na cal o Cemiterio de
San Froilán participa neste concurso, acadando en 2015, o galardón
de Mellor Monumento Arquitectónico de España. Desta volta, o
Concello compite con Torrelavega, Barcelona, Avilés, Granada,
Monturque, Frailes, Zaragoza e Abaurrea Alta.
