O centros tecnolóxicos galegos recibirán unha nova partida de axudas de preto de 2 millóns de euros

xoves, 17 de setembro do 2015 Redacción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou esta mañá a resolución dunha nova convocatoria de axudas que, baixo a fórmula de contratos-programa, destina preto de 2 millóns de euros aos centros tecnolóxicos consolidados, co fin de seguir impulsando ao máximo posible a súa actividade. Esta actuación supón dar continuidade e reforzar a aposta do Goberno galego pola innovación como obxectivo prioritario no eido económico, dentro do compromiso por impulsar a transferencia de resultados da investigación á empresa.
Por outra banda, o titular do Goberno galego destacou que a vinculación destes acordos á fórmula dos contratos-programa garante a existencia de esixentes indicadores de resultados, asegurando un financiamento estable non dependente de proxectos concretos, especialmente no que ten que ver cos recursos humanos.
Os contratos-programa encádranse no desenvolvemento da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), cuxas liñas de actuación oriéntanse á captación de financiamento, ao apoio ao talento galego, e á transferencia de resultados da investigación ao mercado.

Os centros beneficiarios dos contratos-programa

Os beneficiarios destas axudas serán os seis centros tecnolóxicos galegos que figuran no rexistro estatal: o CTAG, con 440.000 euros; AIMEN, con 435.000 euros; Gradiant, con 420.000 euros; ANFACO-CECOPESCA, con 320.000 euros; o ITG, con 207.000 euros; e o EnergyLab, 50.000 euros.
As axudas ligadas a estes contratos-programa non só posibilitan o financiamento de equipamentos, investimentos ou subcontratacións, senón que resultan unha vía fundamental para a retención de capital humano mediante actuacións que facilitan a contratación, consolidación e formación de persoal investigador.
A resolución deste ano dará continuidade ás cifras acadadas nas dúas primeiras convocatorias e que contribuíron á xeración ou mantemento de 120 postos de traballo. Deste xeito, os seis centros tecnolóxicos consolidados suman hoxe en día 760 empregos, mantendo un elevado nivel competitivo nos seus recursos humanos e materiais, e cumprindo o seu cometido no Sistema Galego de Innovación.
Por outra banda, Feijoo afirmou na súa comparecencia que os requisitos para o acceso a este financiamento están baseados en esixentes indicadores de actividade, centrados prioritariamente na capacidade para transferir resultados á empresa e, polo tanto, contribuír de maneira decisiva na competitividade e o crecemento da economía galega. Os compromisos que os centros deben cumprir están condensados nun número moi limitado de criterios, pero moi intensivos (contratos e unidades mixtas con empresas, patentes, etc.), o que se debe á intención de incentivar os esforzos nas partes que xeran máis valor da actividade que levan a cabo os centros.
Os contratos-programa serán obxecto de anticipos por valor do 50% do total das axudas que sexan concedidas, permitíndolles aos beneficiarios contar cunha parte importante das axudas con antelación, o que contribúe a unha mellora da súa liquidez.

PUBLICIDADE