#ApuntasTech chega á súa recta final coa celebración (este xoves) do Día das Rapazas nas TIC

luns, 22 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A primeira edición do concurso #ApuntasTech? chega esta semana ao punto culminante do seu desenvolvemento coa celebración (este 25 de abril) do Día das Rapazas nas TIC, cuxa conmemoración é unha das razóns de ser do certame. Este concurso, que se dirixe a promover as vocacións tecnolóxicas entre as mozas, vén da man da Secretaría Xeral da Igualdade, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e AMIT-Gal (a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia).
A orixe do certame hai que encadrala na loita conxunta de Igualdade e do CESGA contra a fenda dixital de xénero que relega ás mulleres a un segundo plano no que carreiras e profesións TIC se refire. Desta colaboración xurdiu o impulso conxunto que lle deron ao proxecto europeo ICT-Go-Girls!, que está promovido e coordinado polo CESGA e ao abeiro do cal lanzáronse dende 2013 diversas iniciativas para conseguir que as mulleres alcancen una presencia igualitaria no sector das TIC, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 e 15 anos (franxa de idade que se considera chave para mudar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas).
Así, co referente de ICT-Go-Girls! púxose en marcha este ano o concurso ApuntasTech?, que pretende, dun “xeito lúdico e aberto”, escoitar todas as partes implicadas para “poder reunir as mellores propostas”, e xerar un catálogo dinámico que permita traballar as tecnoloxías de “forma amena”, sobre todo na aula, pero tamén fora dela, en actividades extraescolares, en familia, etc. Logo está previsto elaborar unha escolma das mellores propostas e publicalas con licenza aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes acubillos de materiais educativos en liña.
Bases e máis información
O concurso conta con 4 categorías, 2 para estudantes (primaria, secundaria e bacharelato) e 2 para adultos (centros educativos e outros centros/institucións). Cada categoría conta cun premio principal e dous accésits.
Este certame sitúase ao abeiro das actividades para celebrar o sétimo Día das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day) este xoves 25 de abril, día no que se fará pública a decisión do xurado do concurso. Este acto celebrarase no CESGA e será retransmitido en directo a través de Internet. Toda a información e instrucións para participar no evento está publicada en www.ictgogirls.eu/dia-rapazas-nas-tic/.
Organización e colaboracións
O concurso está organizado e patrocinado polo CESGA en colaboración coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (Xunta de Galicia), Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVIGO), Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, nodo Galicia (AMIT-Gal), Asociación MujeresTech, e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters! así como a tenda online Bricogeek.com.

PUBLICIDADE