
Sinalar que a iniciativa web abrolla dun programa de actividades máis amplo. Así, dende comezos anos estase a desenvolver un plan formativo no que participaron marcas, tendas, deseñadores e deseñadoras e estudantes de moda. Nas diferentes sesións, ademais de clases teóricas sobre distintos aspectos da moda sustentable, promovéronse traballos colectivos entre os participantes, dos que tamén se falará na presentación da web prevista para este venres. A páxina, por certo, conta con financiamento da Xunta de Galicia dentro do proxecto de Amarante Setem Vestir ConCienCias para ofrecer á cidadanía galega alternativas para un consumo responsable de roupa.
A presentación conta co apoio da Universidade de Vigo, no marco do proxecto Green Campus que se desenvolve no Campus de Pontevedra. Esta iniciativa, froito dun convenio entre a Fundación de Educación Ambiental (Foundation for Environmental Education – FEE) e a Universidade de Vigo, ten como obxectivo contribuír a difundir e mellorar a educación ambiental para o desenvolvemento sostible na comunidade universitaria.
Segundo informan as organizadoras do evento e desenvolvedoras do portal, MOV3 é “un colectivo galego ligado ao téxtil que abrangue tendas, marcas, deseñadores e deseñadoras e que comparte ideas e proxectos achegando cada quen o mellor de seu”. O colectivo basea a súa actividade no convencemento firme de que outros xeitos de traballar son posibles, “polo que opta por un modelo de deseño con identidade propia que defende tanto o valor artístico das pezas como a súa calidade e durabilidade”.
O colectivo MOV3 presenta este venres o primeiro directorio galego de moda sustentable
Compartir Este Artigo
