O comercio local facturou 14.360 euros nos primeiros días da plataforma Abrindo Lugo

xoves, 7 de maio do 2020 S. P.

O Concello de Lugo vén de facer un primeiro balance sobre a actividade xerada pola plataforma online municipal Abrindo Lugo, logo de 10 días de funcionamento achegando unha canle de venda para os establecementos locais. Segundo fixo saber o Goberno local, o comercio do concello foi quen de facturar 14.360 euros durante o devandito período de tempo, o que se traduce en 400 bonos que se poderán consumir unha vez reabran estes establecementos participantes as súas portas, que son, a día de hoxe, arredor de 200. A iniciativa, segundo fixo saber a alcaldesa Lara Méndez, poderá ter continuidade cando a situación se normalice.
Tamén lembrou que a cantidade de 14.360 euros xa lles foi aboada ás empresas “cumprindo o principal obxectivo desta iniciativa impulsada polo Concello: dotar de liquidez aos negocios pese a permanecer pechados durante este tempo de confinamento”.
Dende a súa posta en marcha, preto de 200 establecementos da cidade se adheriron á campaña Cos de Sempre que o Concello puxo en funcionamento da man da Federación de Comercio e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, para fomentar a compra anticipada online mentres dure o Estado de Alarma.
Como dixemos, os locais participantes venderon, en pouco máis dunha semana, preto de 400 bonos con descontos que oscilan entre o 15 e o 40% e que se poderán consumir unha vez reabran as súas portas. Así mesmo, nestes 10 días recadáronse máis de 360 euros a través de tíckets solidarios, cos que a cidadanía está a axudar ao pequeno comercio sen mercar ningún produto ou servizo.
O edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, agradeceu a colaboración da veciñanza e o seu compromiso “cos de sempre, cos negocios e establecementos que frecuentamos, nos que confiamos e cos que agora é importante que todos nos impliquemos, administración e sociedade, para que a súa reactivación sexa máis rápida”.
As inscricións para establecementos interesados continúan abertas a través da páxina web de Abrindo Lugo no espazo habilitado na parte superior da web, a través da cal toda a veciñanza pode seguir adquirindo tíckets ou bonos nas tendas, restaurantes, bares e demais establecementos participantes, que serán trocados cando remate a situación de crise sanitaria. Así mesmo, para efectuar a compra non é preciso rexistrarse, aforrando tempo e facilitando o proceso.