O computador cuántico do CESGA será un dos grandes referentes tecnolóxicos europeos

venres, 23 de decembro do 2022 S. P.

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén de anunciar que Fujitsu será a empresa que proporcionará o seu computador cuántico, por valor de 14 millóns de euros. En palabras do centro, trátase “da aposta máis ambiciosa pola computación cuántica que se está a realizar en España”, e contribuirá dun xeito decisivo ao desenvolvemento do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia. A infraestrutura, engade o CESGA, “permitirá realizar investigación de vangarda á comunidade investigadora, a centros tecnolóxicos e a empresas, situando a Galicia na primeira liña do panorama Internacional”.
O computador cuántico instalarase ao longo de 2023 no CESGA e porase ao servizo de investigadores e empresas coa ambición de liderar proxectos e investigacións pioneiras. Contará cos recursos precisos para contribuír á xeración de novos algoritmos cuánticos en ámbitos como a simulación de fenómenos físicos e químicos, o cifrado de datos, a procura de optimizacións, a aprendizaxe automática e a solución de problemas complexos, medicina, a Intelixencia Artificial, a robótica, a ciencia dos materiais e a ciberseguridade.
A adquisición consta de catro elementos principais: un computador cuántico, un computador de altas prestacións, un emulador de algoritmos cuánticos e un sistema de almacenamento onde aloxar os resultados dos novos algoritmos para a súa análise e validación. O elemento central será un ordenador cuántico flexíbel e integrado con outros elementos de computación.
Esta adquisición é posíbel grazas a fondos achegados pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia e pola Unión Europea no marco do Eixo REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.
A adquisición deste computador cuántico enmárcase nas actividades do recentemente creado Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia que ten cinco áreas de actuación: a Academia; os centros de investigación, tecnolóxicos e entidades singulares; a economía e empresas; a sociedade; e as infraestruturas.
Segundo explica o CESGA, “as tecnoloxías cuánticas teñen o potencial de actuar como elemento tecnolóxico disruptivo para acelerar o desenvolvemento económico en todos os sectores”.

PUBLICIDADE