O concurso Aprendo Programando do CPETIG duplica a cifra de participación da anterior convocatoria

venres, 15 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Santiago vai dar acollida o 23 de xuño ao acto de entrega dos premios da terceira edición do concurso escolar Aprendo Programando, que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e Alvarellos Editora. Segundo lembra a entidade profesional que preside Marcos Mata, nesta convocatoria do certame concorreron un total de 72 equipos (57 de ESO e 15 de Primaria) que presentaron os seus traballos programados con Scratch baixo a temática Patrimonio cultural europeo, proposta este ano polo CPETIG. O colexio salienta a “alta participación” acada, un récord de asistencia en comparación coas anteriores entregas. De feito, este ano case se publica a cifra de equipos inscritos o ano pasado.
Segundo lembra o CPETIG, Aprendo Programando ten como finalidade achegar ao alumnado de Primaria e ESO á programación, “contribuíndo así a integrar dentro do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías xa desde a nenez”. A idea, polo tanto, é poñer en xogo unha boa oportunidade para que as rapazas e rapaces adquiriran habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación a través do Scratch, e para buscar a superación tanto a nivel persoal coma colectivo. Ao fío disto, o CPETIG tamén destaca a potencialidade de Scratch en materia de posibilidades creativas, introducindo á rapazada, da mellor maneira posíbel, en eidos como desenvolvemento de xogos, as historias interactivas, as animacións ou a programación de robots.
Como dixemos, a entrega de premios será o sábado 23 de xuño ás 12.00 horas en Santiago de Compostela, nun acto que contará coa asistencia do presidente do CPETIG, Marcos Mata; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; e o director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos, como entidades colaboradoras. Os equipos participantes optan a premios como un mBot (robot educativo); tabletas; exemplares do libro titulado 50 anos de Baloncesto en Galicia, editado pola Federación Galega de Baloncesto; e un lote de libros de literatura infantil e xuvenil, editados por Alvarellos.

PUBLICIDADE