O concurso Lingua de namorar actualízase con Instagram na súa décima edición

venres, 12 de febreiro do 2021 Pedro Pérez

Presentación por vídeo-conferencia da nova edición do certameO certame de declaracións de amor en galego na rede Lingua de namorar que impulsan a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude incorpora unha terceira categoría de premio exclusiva en Instagram baixo o lema #NamorarEnPandemia.
A décima edición do concurso que se convoca cada febreiro vai dirixido á mocidade de entre 14 e 35 anos, que poderán participar na Rede. “É importante visibilizar e dinamizar as iniciativas de promoción do uso do galego nos espazos nos que se move a mocidade, adaptalas a eles, e incentivar a súa participación”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Deste xeito, o certame amplía así o seu alcance a unha das redes sociais máis empregadas pola xente nova e da posibilidade á mocidade de amosar nesta nova edición o seu espírito creativo á vez que fai uso das súas habilidades coas novas tecnoloxías. A presentadora galega Esther Estévez é o mellor exemplo deste proxecto, xa que é capaz de unir á perfección as dúas calidades anteriormente mencionadas a través do popular cancelo e mediante os seus vídeos en plataformas como Instagram e TikTok.
Esta nova edición do concurso inclúe tres categorías de participación: de 14 a 19 anos, de 20 a 35 anos e de 14 a 35 anos. Para poder participar, as dúas primeiras categorías seguirán o procedemento habitual de participación na web oficial do concurso. Para facelo na terceira categoría é necesario facelo desde o seu perfil de IG, seguir a @XuventudeGalicia e @LinguaGalega e escribir, na publicación habilitada no primeiro perfil unha mensaxe de amor en galego de ata 200 caracteres.
Os interesados en participar poderán facelo desde hoxe ata o vindeiro 12 de marzo e así poder optar aos premios dispoñibles: tres bicicletas eléctricas, dúas tabletas e dúas cámaras deportivas.

PUBLICIDADE