O conselleiro de Educación comproba in situ o funcionamento da aula dixital do CEIP Mestre Vide

venres, 18 de novembro do 2011 Raquel Noya

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, desprazouse hoxe ata CEIP Mestre Vide, en Ourense, para comprobar de primeira man o funcionamento da aula dixital que hai instalada neste centro de ensino, no que estudan un total de 440 alumnos e alumnas.
A aula dixital, instalada recentemente no marco dun acordo do Goberno galego con Red.es, componse dun ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e un proxector, material que, xunto con outras reformas realizadas no polideportivo e na biblioteca, superaron un investimento de 86.500 euros.
Esta visita é unha das moitas que Vázquez Abad está a realizar polos centros educativos galegos, nas que comproba in situ o funcionamento das instalacións tecnolóxicas máis recentes.
O conselleiro lembrou que, ao abeiro do acordo asinado entre o departamento que dirixe, a Secretaría Xeral de Modernización e o Ministerio de Industria, este curso repartiranse máis de 600 equipos en centros educativos galegos, con prioridade para os de infantil e primaria, “que nestes momentos contan cun menor equipamento das características antes nomeadas”, afirmou.
Durante o breve periplo polas instalacións do CEIP Mestre Vide, o conselleiro estivo acompañado polo director do centro, Manuel Conde Prol, así como por membros da súa comunidade educativa, o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez e a xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira.