O coworking de Barro alentou a creación de máis de medio cento de empresas
mércores, 26 de xuño do 2019
O
coworking
de Barro vén de clausurar a súa terceira edición ratificando a súa
aposta integral polo talento da provincia de Pontevedra. No acto,
este martes 25, participaron o deputado Carlos López Font, o alcalde
de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o director de
aceleración empresarial da Escola de Organización Industrial (EOI),
Javier Benito, quen confirmou que a raíz destas tres edicións de
traballo innovador e colaborativo creáronse na provincia máis de 50
empresas.
Na
xornada DemoDay os 20 proxectos emprendedores que participaron
expuxeron ante o público as súas ideas de negocio, nun acto
conducido por María Cheda, xornalista de Antena 3 Galicia.
Font
asegurou que “este punto final é unha inmensa satisfacción xa que
ter chegado a unha terceira edición significa que o coworking de
Barro está consolidado” e porque “é un sinónimo de apoio ao
emprendemento, á xeración de emprego e ás futuras pequenas e
medianas empresas”.
A
xornada DemoDay. Emprendendo cara ao Futuro tivo como
obxectivo principal dar a coñecer os proxectos participantes na
terceira edición do coworking de Barro, froito da
colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a EOI. Segundo se
fixo saber, dende febreiro e ata hoxe un grupo de 22 emprendedoras e
emprendedores (14 mulleres e 8 homes) ocuparon un espazo gratuíto no
viveiro local, onde recibiron acompañamento individualizado e 100
horas de accións formativas específicas para garantir o éxito dos
seus proxectos.
Durante
a xornada, celebrouse unha conferencia a cargo de Sandra Villar,
fundadora da empresa Boina galega, que recibiu o ano pasado o premio
Emprende Gaiás Sixto-Seco e participou nun coworking tamén
impulsado pola EOI en Santiago de Compostela.
Na
terceira edición do coworking de Barro impulsáronse sobre
todo proxectos relacionados co turismo. Ademais, houbo iniciativas
vencelladas á moda, a gastronomía, a fotografía, a comunicación,
a psicoloxía ou á actividade física. Presentáronse en dous
bloques: Turismo e sustentabilidade e Servizos a PEME e
cultura. Os 20 proxectos son: AT Gestión, de Adriana Rodríguez,
Rooteiro, de Andrés Rodiño, A Casa da Carballeira, de Beatriz
Bergueiro, Pasaporte Rural, de Betty das Neves Gil, Culebra Studio,
de Cecilia Paredes, Dedicate Home, de Cristina Iriso, Mundo Escénico,
de Daniel Amós, Tribuaventuras, de Diana Nogueira e Eva García,
Prixma, de Fernando López, Herbas do Crego, de Fernando Romariz,
José Gadea Fotografía, de José Gadea, Márketing con Iris, de
Laura Guillén, Habla y Convence, de Lucero Dámaso, A batea do
mercado, de María Casas, Xouxere, de María Rodríguez, Lía B, de
Olalla Borrego, Materialdefisioterapiaonline, de Pedro Cubela,
Xacobleas, de Pilar Alonso, IDIGAL, Santiago Iribarren e, por último,
Huella Menguante, de Sonia Magariños.
Esta
foi a terceira das catro edicións coas que conta o proxecto, que
botou a andar no mes de novembro de 2017.
