O cuarto reto dos 21 días co galego bate récords de impactos nas redes sociais
xoves, 24 de febreiro do 2022
Na
mañá deste 22 de febreiro levouse
a cabo a clausura oficial da cuarta edición do programa de
dinamización lingüística 21 días co galego e +,
impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e que
toma a remuda de 21 días co galego, iniciativa argallada pola
profesora Pilar Ponte no IES da Pobra do Caramiñal na que se propuña
ao alumnado o reto de mergullarse na nosa lingua durante o devandito
número de xornadas. A clausura levouse a cabo no IES Lucus Augusti
de Lugo e nela participou o secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García. Segundo dixo, esta edición foi a
que conseguiu o maior impacto nas redes sociais de cantas se teñen
desenvolvido.
Tamén
fixo saber que a cuarta entrega do desafío xuntou por primeira vez
12 centros participantes, así como 394 docentes, 52 membros do
persoal da administración e servizos e 3.399 alumnas e alumnos de
entre 8 e 18 anos, que viviron xunto ás súas familias a experiencia
de falar en galego durante 21 días.
García
deu os parabéns á comunidade educativa do IES Lucus Augusti e, en
xeral, a todos os que de xeito voluntario participaron nesta
experiencia, “pola súa implicación e o seu traballo ao longo
destas semanas que, estou seguro, supoñerán un cambio na valoración
e uso do galego dos mozos e mozas que formaron parte do programa”.
A
cerimonia, á que tamén asistiron o director do IES Lucus Augusti,
Carlos Cazón, e a coordinadora do programa 21
días co galego e +, Pilar Ponte, estivo amenizada pola
actuación dun grupo de rapaces do centro, que deleitaron os
asistentes cun romance sobre a lingua galega, obra do profesor do
centro Xosé Luís Vázquez Somoza, así como por unha actuación
musical do alumnado, que incluíu os temas Compañeira, da música
tradicional galega, e Terra, das Tanxugueiras.
O
resto dos 11 centros participantes no programa realizaron tamén as
súas respectivas cerimonias de clausura con distintas actividades
como concertos, contacontos ou obradoiros.
Aumento
da presenza en redes sociais
Durante
os 21 días que dura este programa de dinamización lingüística con
vocación de fomentar o plurilingüismo, os case 4.000 alumnos da
ESO, Bacharelato e FP, así como os dos últimos cursos de Primaria,
optaron por falar en galego as 24 horas do día como experiencia de
aprendizaxe. Disto foron deixando constancia no blog
e nas redes sociais do programa, onde gozaron de gran seguimento,
especialmente en YouTube,
que recibiu 401.874 impresións fronte ás 244.615 da edición
pasada, e en Facebook,
cun alcance de 18.122 persoas, preto de 2.000 máis que na edición
anterior.
O
impacto nas redes sociais tamén se fixo ver na conta de Twitter,
con 5.033 visitas ao perfil nestas semanas, e na nova ferramenta de
moda entre a mocidade, o Tik Tok, que chegou aos 3.346 gústame
nos vídeos.
Ademais,
a rapazada tivo unha sorpresa final no blog da iniciativa, no cal
recibiron o saúdo das Tanxugueiras e de Esther Estévez, que
animaron ao alumnado a seguir empregando o galego unha vez rematada a
experiencia.
