“O despregue da televisión dixital supón un esforzo económico, técnico e loxístico de enormes proporcións”
venres, 5 de xaneiro do 2007
O despregue da Televisión Dixital Terrestre (TDT) é un labor ben complicado. A fin de contas, Galiza é como é, e semella ter sido formada a contrapelo de calquera iniciativa de comunicación a distancia: paisaxe accidentada, montes, feitura de costa arriba. Por se iso fose pouco, hai séculos que decidimos vivir de xeito disperso, repartíndonos unha boa parte do territorio coma se non quixeramos deixar espazo sen cubrir. Todo isto é como botar leña ó lume nunha situación xa de por si delicada: a boa cobertura de TDT. Os galegos somos (unha vez máis) un caso especial, e de aí que Retegal, o operador da Xunta, acordara coa firma Abertis compartir esforzos en infraestrutura. A finalidade disto: ofrecer cobertura para o 98% da poboación galega antes de 2010 (sinal de TVE), ademais de mantemento até 2016. O devandito acordo é o capítulo dun libro que se prevé interesante e que non trata só de mover montañas (pero case...). Falamos cun dos “autores” deste libro aínda por rematar: Manuel Xosé Fernández Iglesias, conselleiro delegado de Retegal e, a maiores, director xeral de Comunicación Audiovisual.
-Levar a TDT a todo o territorio galego é unha tarefa complicada, mais cremos que non se nos explicou polo miúdo en que consiste esa complicación. Esta conversa que temos con vostede é unha boa oportunidade para encher ese baleiro. A que se debe polo tanto que Galiza sexa un caso especial no despregue da TDT?
-No que se refire ao despregue de infraestruturas de comunicación, e máis polo miúdo no despregue da TDT, Galicia é singular por dúas razóns. Por unha banda, temos a dispersión poboacional. Galicia conta con 315 concellos dos que só 54 teñen máis de 10.000 habitantes, e de eles soamente os que se coñecen como “as sete cidades” (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo) contan con máis de 50.000. Hai 71 concellos que contan con menos de 10.000 habitantes. As aldeas e vilas con menos de 10 casas (50 habitantes) comprende case o 72% dos núcleos. Isto achega unha idea da dispersión dos habitantes e dos problemas que xera para o urbanismo e a ordenación do territorio, pero tamén para todo o que ten que ver co despregue de infraestruturas de comunicación.
-E logo están as condicións xeográficas e orográficas...
-Si, Galicia está formada sobre todo por relevos graníticos, onde as serras alternan con depresións e vales. O territorio galego é moi complexo, e nel claramente dominan as feituras inclinadas sobre as chas. A nosa terra caracterízase pola presenza de pendentes fortes. Esta situación fai moi complicado o despregue de centros de emisión nas bandas de frecuencia utilizadas pola TDT, xa que se precisa visión directa entre o emisor e as antenas receptoras nos fogares. Os montes impiden que os sinais dos grandes centros cheguen de xeito directo ós fogares, polo que temos que despregar unha complexa rede, organizada xerarquicamente, de centros emisores, reemisores, e encher ocos. Iso supón un esforzo económico, técnico e loxístico de enormes proporcións.
-Que é máis difícil, levar a TDT á costa ou ó interior?
-Non hai diferenzas significativas, xa que se ben a poboación concéntrase sobre todo na costa, a súa orografía é moi complexa. Non temos máis que pensar na Costa da Morte e o arco ártabro, ou na Mariña lucense. No interior, pola contra, hai menos núcleos de poboación, e están máis espallados, pero outra vez a orografía fai que os centros emisores, illadamente, só poidan cubrir un número de núcleos poboacionais limitado.
-Imos por partes. Ou mellor dito: recomecemos. Cal é o labor de Retegal?
-Retegal SA é o operador de telecomunicacións público da Comunidade Autónoma de Galicia. O seu papel, como sociedade pública e operador de telecomunicacións, é o de garantir que os cidadáns e cidadás da nosa terra conten en cada momento coas mellores infraestruturas de comunicación que o noso país se pode permitir. Esta tarefa faise en colaboración cos distintos departamentos da administración autonómica e local, e co resto dos operadores e empresas do sector das novas tecnoloxías. Retegal conxuga polo tanto os perfiles técnico e social.
-Que papel desenvolve vostede en Retegal?
-O meu papel é o dun conselleiro delegado dunha sociedade anónima. Polo tanto, actúo de ligazón entre o Consello de Administración e o núcleo operativo da firma (xerencia e dirección técnica). O meu labor desenvólvese nas dúas direccións. Por unha banda, fago propostas para que o Consello de Administración estableza a súas liñas estratéxicas, de acordo coas liñas estratéxicas do goberno galego. Pola outra, actúo como responsable executivo das iniciativas que se desenvolven de acordo con esas liñas estratéxicas.
-Retegal vén de unirse con Abertis para levar os programas dixitais de TVE ó 98% da poboación galega. Cal é o motivo deste traballo conxunto? Podería ser que por separado nunca fose posible chegar a esa porcentaxe de cobertura?
-Non ten sentido desenvolver estas iniciativas de xeito descoordinado. Podemos pór un símil moi ilustrativo coa obra civil pública. Do mesmo xeito que non tería sentido que dúas institucións diferentes (a Xunta e o Goberno central, poñamos por caso) fixeran dúas autoestradas exactamente unha a carón da outra, non parece moi axeitado que dúas empresas (Abertis e Retegal) despreguen infraestruturas onde coinciden un bo número de centros emisores.
O traballo conxunto vainos permitir, baixo contrato, reempregar infraestruturas de cadanseu operador, e optimizar os investimentos. Actualmente, o activo máis importante de ambas empresas son os seus centros emisores. Con este acordo tentamos de poñelos en valor de xeito que se produzan aforros considerables nos custos do despregue.
Por outra banda, con este acordo garantiremos un trato equiparable para as emisións autonómicas e as emisións públicas estatais, co que ampliaremos de xeito significativo a oferta de programas para toda a poboación de Galicia. Sería improbable que Abertis ou Televisión Española, de xeito illado, garantiran a cobertura que se especifica no acordo. Amais, este acordo senta os alicerces para vindeiros proxectos máis ambiciosos.
-Hai boa sintonía entre Retegal e Abertis?
-Hai moi boa sintonía. Alguén dixo que os acordos que custa moito conseguir pero que ao final contentan ás dúas partes son os máis positivos. Seguindo esta norma, o noso acordo deberá ser tremendamente positivo porque levou moito traballo deseñalo a gusto de todos. O seu desenvolvemento non vai ser doado, sobre todo pola complexidade do proceso de despregue. Mais a vontade e o sentimento de compromiso social son óptimos nas dúas empresas.
-Vostede afirma que este convenio non é un convenio calquera, e que ademais nunca se viu antes un en Galiza destas características. A que se refire?
-Nin en Galicia nin no resto das comunidades. Refírome a que, até o día de hoxe, a administración autonómica non tiña deseñado un plan para atender as demandas da cidadanía no que se refire ás emisión que non son competencia de aquela. Falo das emisións estatais públicas e privadas. Desenvolvíanse actuacións pouco coordinadas coas canles ou mesmo co operador contratado por elas. Estamos a converter a Retegal nun operador de telecomunicacións que fale de ti a ti co resto dos operadores, nun operador que, aínda que pequeno, é consciente do seu potencial e do valor dos seus activos.
-O devandito acordo semella que se refire só ós programas dixitais da TVE, mais que ocorre co resto das cadeas? Como poderemos acceder a elas en moitas partes de Galiza? Haberá outra empresa que se encargue de facérnolas chegar?
-O acordo desenvolveuse como consecuencia dun concurso público convocado por TVE para a súa rede de difusión. O acordo estratéxico con Abertis permitiu a Retegal acceder a un mercado no que nunca participara. Este convenio vainos deixar marxe para levar a cabo actuacións de cara á sensibilización das cadeas privadas. Isto é todo un reto, xa que non podemos esquecer que os emisores privados móvense tamén por criterios comerciais e de negocio, criterios que moitas veces son contrarios ó interese social que pode ter unha emisión de televisión nun contexto tan complexo como o galego.
-Vai ser posible algunha vez ter unha cobertura do cen por cen no que respecta ós ditos programas dixitais da TVE?
-Ao falarmos de coberturas en emisións por ondas de radio, como a TDT ou a televisión de sempre, os niveis óptimos de cobertura son todos aqueles que estean por riba do 99% da poboación. Por exemplo, a cobertura actual da TVG en analóxico está por riba do 99,8%. Ese debe ser o noso obxectivo estratéxico para as emisións dixitais. O resto teremos que cubrilo con outras solucións tecnolóxicas, como as redes residenciais de cabo.
-Que nivel de cobertura de TDT ten Galiza neste intre concreto, tanto a nivel de Retegal (que achega o sinal da TVG), como no que se refire ó que vén por outros vieiros?
-Neste intre estamos case no 90% da cobertura para os dous programas da TVG en dixital. As cifras son as mesmas para as futuras canles privadas de ámbito autonómico xa que estes programas comparten infraestruturas coa TVG. Como comentaba antes, a cobertura da TVG en analóxico está por riba do 99,8 %. Malia que non teño datos concretos, a cobertura do resto das canles estatais é aínda limitada. De tódolos xeitos, non podemos esquecer que hai uns planos e unhas datas para o desenvolvemento das infraestruturas. Imos recuperar o devandito símil da obra civil para ilustrar isto. Se o goberno anuncia nun momento dado que vai construír unha autoestrada entre, digamos, Santiago e Lugo, non parece razoable que os veciños das vilas situadas no traxecto desa estrada reclamen a dispoñibilidade inmediata da nova vía de comunicación. Todo o mundo asume que son precisos tempo e planificación para rematar a obra. As infraestruturas de telecomunicación tamén son infraestruturas, aínda que estean en cumios ben afastados ou que o camiño polo que van os contidos non se vexa nin se poida tocar. Cumpriranse os prazos previstos, pero temos que entender que unha tarefa desta envergadura non se acomete de xeito automático polo mero feito de anunciala.
-Polo que vemos nos detalles do acordo entre Retegal e Abertis, vaise levar a cabo en dúas fases. Unha primeira levará o sinal ó 93% da poboación antes de 2009 e a outra, a máis longa, ó 98% antes de 2016. Por que se precisa tanto tempo para incrementar a porcentaxe nun 5%?
-Creo que non soubemos transmitir correctamente as porcentaxes e datas. A porcentaxe do 98% acadarase para 2010. O resto do acordo prevé o mantemento conxunto das infraestruturas até 2016 para garantir un servizo óptimo nas emisións autonómicas e públicas estatais. Isto supón colaborar na mellor dispoñibilidade das emisións e nos mellores tempos de reacción ante avarías, por exemplo, e permite a colaboración no despregue de infraestruturas, marxinais en canto a porcentaxe, para pequenos núcleos de poboación.
-Vai ser preciso despregar moita infraestrutura nova?
-Si. Practicamente todo o equipamento de comunicacións vaise renovar. Aproveitaremos a obra civil e os emprazamentos, aínda que en moitos casos tamén teremos que realizar actuacións nese eido.
-Durante a presentación do acordo, vostede falou de que este levará consigo actuacións de tipo complementario. A que se referiu ? Unha boa cobertura de TDT pode traer riqueza e desenvolvemento para o resto da sociedade galega?
-Por exemplo, vimos de resolver a primeira convocatoria para o desenvolvemento das pequenas coberturas no eido local. Nesta primeira chamada, 125 concellos de Galicia presentaron proxectos para o despregue de enche ocos (gap-fillers) nos correspondentes termos municipais para cubrir pequenos núcleos que quedarían illados por razóns orográficas. Tamén estamos a desenvolver accións de formación e comunicación cos distintos actores. A primeira destas xornadas, celebrada a finais do mes de outubro pasado no hotel Porta do Camiño a iniciativa de Retegal, dedicouse a presentar os aspectos técnicos do despregue da televisión local no novo contexto dixital, á sindicación de contidos, e aos modelos de compartición do múltiplex. Pola outra banda, o plano de formación do Centro Multimedia de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, inclúe este ano un curso de desenvolvemento de contidos interactivos para TDT...