O director xeral de Nokia anuncia que a súa compañía vai mudar de xeito drástico

mércores, 9 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Nas últimas horas filtrouse a través de Engadget un memorando de Stephen Elop, actual director xeral de Nokia e anterior executivo de Microsoft, dirixido aos traballadores da súa compañía no que sorprende pola súa honestidade ao facer balance da situación de Nokia no sector de smartphones, nos que están totalmente fóra de xogo, o que podería ser o anticipo do que algúns pensan que sería a cancelación dos proxectos relativos a Symbian/MeeGo e a aposta por Windows Phone 7 para poder facer fronte ao iPhone e aos móbiles con Android.
Elop comeza o seu texto narrando unha historia dun home que traballaba nunha plataforma petrolífera que ante un incendio tivo que elixir entre botarse ás xeadas augas do Mar do Norte ou sucumbir ante as lapas. Finalmente decidiu saltar e foi rescatado grazas a un cambio radical do seu comportamento. O xerente de Nokia considera que esta situación é análoga á que está a vivir Nokia, que sería «unha plataforma en chamas» e son precisas medidas drásticas para corrixir a situación.
Comenta que en 2008 Apple fíxose cunha cota de mercado do 25% dos móbiles de máis de 300 dólares, chegando ao 61% en 2010, xerando unhas importantes ganancias para Apple, mentres que Android tamén tivo un desenvolvemento magnífico nos últimos 2 anos, resultando especialmente rechamante polo feito de que conseguiu establecerse en móbiles tanto de gama alta coma media, e estando a piques de instaurarse en terminais de menos de 100 dólares, o que incrementa a súa forza e ameaza para Nokia, compañía que vista en perspectiva leva «anos de retraso», como queda evidente no feito de que a súa nova plataforma móbil, MeeGo, podería rematar 2011 «cun único produto no mercado».
Tamén considera que Symbian é unha plataforma amortizada, que xa non responde ás necesidades dos consumidores, de xeito que Nokia tamén está a perder cota de mercado entre os terminais de gama media.
Sobre a gama baixa tamén son catastrofistas os comentarios de Stephen Elop, pois «os fabricantes chineses están a presentar dispositivos moito máis rápido que (..) o tempo que nos leva pulir unha presentación de PowerPoint».

A boa relación entre Nokia e Microsoft xa era evidente cando Stephen Elop traballaba na compañía norteamericana

A situación agrávase polo feito de que a axencia Standard & Poor’s vai situar as accións de Nokia nunha cualificación negativa, polo que moitas miradas van situarse sobre Nokia nas vindeiras semanas, o que podería baixar aínda máis a súa cualificación, polo que van ter que tomar grandes cambios que van presentarse o vindeiro venres e dos que posiblemente saberemos máis durante o Mobile World Congress de Barcelona.
O feito de que Elop traballase anteriormente en Microsoft e que exista unha boa relación entre Nokia e a compañía de Redmond dá a entender que Nokia botará man de Windows Phone 7 para os seus móbiles, aínda que os analistas tampouco desbotan o feito de que poidan apostar por Android coma saída á súa crítica situación actual.