O dominio .gal principia hoxe a súa fase aberta

martes, 2 de decembro do 2014 Marcus Fernández

O pasado xoves a Asociación PuntoGal celebraba en Vigo un acto no que daban conta do remate da Fase de Lanzamento do dominio .gal, e anunciaba que o dominio para a sociedade galega abriría o seu rexistro ao público durante a xornada de hoxe, de xeito que ao longo da mañá puidemos ver como, por unha banda, calquera persoa podía rexistrar un dominio .gal a través dunha serie de axentes rexistradores, e por outra, activábanse preto dun milleiro de dominios .gal procedentes da fase de rexistro anterior.
Temos así toda unha xornada histórica na que centos de dominios co sufixo .gal, entre os que se atopa codigocero.gal, entraron en funcionamento, de xeito que nas vindeiras semanas veremos como numerosas institucións e servizos da nosa terra mudarán os seus nomes na Internet, comezando a dar prioridade ao indicador galego á hora abrirse ao mundo.

O dominio codigocero.gal entrou en funcionamento esta mesma mañá

Estes días tamén se solucionaron os problemas técnicos que impedían a activación de certos dominios do Programa Pioneiros, que resultaban bastante representativos, de xeito que finalmente a Compañía da Radio Televisión de Galicia xa pode empregar efectivamente o dominio crtvg.gal, e incluso o operador de telecomunicacións R pode gozar dun nome de dominio moito máis claro que o actual, e presumir dun identificación na Rede tan rechamante como r.gal.

Dende hoxe é posible rexistrar directamente dominios .gal a través dunha serie de axentes rexistradores como a empresa compostelá Dinahosting

Dentro destes nomes de dominio tamén se espera a pronta posta en funcionamento de xunta.gal e cultur.gal, e precisamente sobre este último cómpre destacar que o evento non só estreará tan representativo dominio, senón que tamén contará coa presenza da directora xeral da Asociación PuntoGal, Edita de Lorenzo, o vindeiro venres ás 19:00 no Espazo Foro, onde dará conta da situación actual do dominio .gal e do seu valor para a dinamización da cultura galega.
A partires de hoxe os dominios .gal pasan a comportarse como practicamente calquera outro dominio da Internet, de xeito que calquera pode proceder ao seu rexistro, sempre que logo se faga un uso do mesmo que se adapte á normativa do propio dominio (con condicións como ter contidos en galego ou dirixidos á sociedade galega).

PUBLICIDADE