O edificio Redeiras acollerá un encontro sobre os retos do hardware e o software na enxeñaría mecánica

venres, 15 de novembro do 2024 S. P.

A vindeira semana, o edificio Redeiras acollerá o primeiro Encontro GIDEIN. Experiencias e retos no uso de hardware e software en enxeñaría mecánica. O evento é o primeiro dunha organizados polo Grupo de Innovación Docente da Empresa e Innovación da Universidade de Vigo, que está integrado por persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Escola de Enxeñería Industrial, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.
A cita será o vindeiro martes ás 16.30 horas e será un espazo de encontro e debate entre profesado universitario e profesionais de diversas empresas e centros tecnolóxicos relacionados co mundo da enxeñaría mecánica. Como explica o profesor Diego Carou, subdirector da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e membro do grupo GIDEIN, “os obxectivos que se fixan para a xornada son coñecer máis polo miúdo como están a incorporar as empresas as novas tecnoloxías, tanto na parte de hardware coma de software, que se están a desenvolver nestes últimos anos e cal é o papel que a docencia universitaria debería ter nesta contorna de cambio”.
Para isto, o encontro contará coa participación de representantes de algunhas das principais empresas da contorna neste sector como Industrias Ferri, Grupo Marsan, Grupo Benteler, Gestamp, Hergome, Imecnor Ibérica, Aimen, Grupo Precisgal, Learnovate Centre, Trinity College Dublin e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG. A xornada estará moderada polo profesor Carou e pola docente da Escola de Enxeñaría Industrial María Fenollera Bolíbar e a entrada é libre sen necesidades de inscrición.