O embaixador de Estonia relata na Deputación da Coruña a historia dixital recente do seu país

venres, 9 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana, o mércores, a Deputación da Coruña organizou unha xornada sobre economía dixital (inserida no ciclo Europa na provincia da Coruña) que contou coa presenza de representantes das embaixadas de Estonia e Finlandia, da axencia AMTEGA e da Dirección Xeral de Rede de Comunicación, Contido e Tecnoloxía. O embaixador do devandito país báltico, Rasmus Lumi, explicou na sede da entidade provincial o proceso que converteu este país na referencia dixital de Europa.
Na cita, que contou coa presenza do presidente da Deputación, Valentín González, Lumi debullou a experiencia do seu país en materia de tecnoloxías, unha experiencia que o levou a ser un referente en eAdministración e en innovación empresarial, contando con importantes avances como unha educación plenamente dixital (dende o primeiro grao, ou antes, as nenas e nenos xa aprenden a programar), cun sistema de identificación dixital obrigatorio e universal para cada cidadán (dende o nacemento) e cunha cifra de servizos dixitais aos que se pode acceder coa dita identificación que roldaba o ano pasado a cifra de 4.000 servizos de balde. Ademais, Internet ten sido declarada como un dereito humano básico.
Na cita tamén participou a representante da embaixada finlandesa en España, Anabella Polo, que tamén debullou a andaina dixital do devandito país, sen dúbida outro líder europeo en procesos de dixitalización tanto na administración pública como no sector privado.
Valentín González Formoso salientou que a transformación dixital da administración, a sociedade e as empresas “é unha revolución en marcha, que supón unha gran oportunidade para os países máis concienciados desta nova realidade”. Porén, lembrou que España ocupa o décimo lugar entre os 28 estados membros da UE no Índice da Economía e Sociedade Dixital (DESI) de 2018, polo que destacou como “necesario” seguir avanzando neste ámbito, “pero tendo en conta as consecuencias que a economía dixital pode ter sobre o emprego e o pequeno comercio”.
Como dixemos, a actividade inseriuse no ciclo Europa na provincia da Coruña, que ten como obxectivo difundir entre alcaldes, técnicos e emprendedores da provincia os programas de financiamento europeo.
A xornada contou tamén coas intervencións de Xurxo Remuiñán, policy officer da Dirección Xeral de Redes de Comunicación, Contido e Tecnoloxía, que detallou as ferramentas de financiamento europeo no ámbito da economía dixital, e de Carlos Vázquez Mariño, director de Solucións Tecnolóxicas de AMTEGA, que explicou o programa Primare para o aproveitamento da tecnoloxía na transformación do sector primario en Galicia.
O evento rematou cunha mesa redonda sobre boas prácticas no mercado dixital que contou con representantes de empresas tecnolóxicas, turísticas e do sector primario.

PUBLICIDADE