O emprendemento galego estará presente no South Summit 2017

venres, 21 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Entre os días 4 e 8 de outubro celebrarase en La N@ve de Madrid o South Summit 2017, un evento de referencia que conecta aos emprendedores máis innovadores con investidores mundiais e empresas que buscan mellorar a súa competitividade a través da innovación, e que conta con conferencias e debates con líderes mundiais, xuntanzas con business angels e empresas de capital ricos e incluso unha Startup Competition coas mellores historias de éxito.
Precisamente neste último apartado realizouse unha selección de proxectos repartidos nas categorías de Smart Mobility; The New Money; Healthcare & Biotech; Sustainability & Green Tech; Travel & Tourism; Content & Channels; Lifestyle & Fashion e Art & Culture, dos que un cento terán presenza no encontro cun espazo de seu para dar a coñecer o seu proxecto ante empresas e investidores que acudan ao evento, para o que valoráronse factores como a innovación, a viabilidade e a escalabilidade das súas tecnoloxías.
Das 100 startups seleccionadas podemos destacar 3 proxectos galegos: Avansig (iniciativa coruñesa de sistemas de navegación autónomos como o un dron de videovixilancia desenvolvido para Prosegur), Councilbox Technology (ferramenta viguesa para organizar reunións corporativas en contornos de seguridade xurídica que permita aos accionistas asistir a distancia e votar) e Situm Technologies (multipremiado proxecto de tecnoloxía de localización en interiores).
A participación galega non encontro non se limitará aos proxectos participantes na competición de proxectos emprendedores, senón que entre os relatores desta edición tamén podemos atopar ao vigués José Iglesias, director de UP Global en Europa e director dos programas de startups de Techstars para Europa, Oriente Próximo e África.

PUBLICIDADE