O equipo de Código Cero obtén un importante recoñecemento ao seu labor nos Premios INNOVA-G

venres, 14 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Mar Pereira entregou o galardón a Xosé María Fernández Pazos e Carlos Ballesteros, director e subdirector da revista Código Cero

O xurado dos Premios INNOVA-G vén de concederlle unha das Mención de Honra dos devanditos galardóns ao Grupo Código Cero Comunicación, dende o que, como saben os nosos lectores, diríxense as rendas desta páxina web e da revista mensual do mesmo nome, dúas canles de información dende as que tentamos amosar en detalle o panorama tecnolóxico-dixital da nosa terra, facendo especial fincapé na potencialidade das nosas empresas e, tamén, nas vantaxes que achegan as redes para a mellora da calidade de vida da sociedade galega. Todo isto dende o punto de vista galego, apostando forte pola nosa lingua e tratando, na medida das nosas posibilidades, de ofrecer un punto de encontro informativo diverso e plural.
Segundo apuntou AGESTIC antes e durante a entrega de premios celebrada este venres 14 de outubro, as razóns deste recoñecemento, que o equipo de Código Cero agradece encarecidamente, veñen dadas sobre todo polo noso esforzo a prol do afianzamento da Sociedade da Información, poñéndoa en relación directa coa realidade galega e facendo fincapé no seu significado, nas súas vantaxes e en todo o que pode facer para mellorar a calidade de vida da nosa cidadanía. En definitiva, que vén dado en boa medida pola nosa loita contra a fenda dixital.
Tal e como sinala o xurado, recibimos o galardón porque ao longo da nosa andaina (dez anos de vida da web codigocero.com e case unha década da revista mensual do mesmo nome, cousa que por certo imos conmemorar en breve) non deixamos en ningún intre de contribuír a que se coñeceran na nosa terra e no mundo as nosas empresas, entidades, produtos, servizos e proxectos TIC.

Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG, saudando a membros de Código Cero antes do acto de entrega dos Premios INNOVA-G

O galardón foi recollido este venres en Compostela, no transcurso da achega de premios celebrada en Compostela, polo noso director Xosé María Fernández Pazos e polo subdirector Carlos Ballesteros.
Como dixemos, os Premios INNOVA-G veñen da man da Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC. A convocatoria, a segunda, deuse a coñecer o pasado mes de setembro. Os Premios INNOVA-G celébranse para recoñecer o talento e a valía das nosas empresas tecnolóxicas e emprendedores, e que este ano medrou en candidaturas e calidade das mesmas.
Estes galardóns non só lle serven ás firmas que se presentan para dar a coñecer os seus produtos e servizos á sociedade, senón tamén, e sobre todo, para que se recoñeza a súa humilde contribución ao desenvolvemento da Sociedade da Información na nosa comunidade.
Ao mesmo tempo, trátase dunha gran oportunidade para descubrir empresas galegas cun potencial incrible, emprendedores tecnolóxicos cunhas calidades exemplares, servizos cunhas prestacións inmellorables ou aplicacións desenvolvidas por firmas do país que nos poden axudar en materias tan dispares como a educación, a saúde, o lecer ou a cultura...

PUBLICIDADE