O espallamento de Euskaltel permitiralle multiplicar por tres a base de clientes móbiles

martes, 10 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Xabier Iturbe e José Miguel García na presentación do plan de negocio

O Grupo Euskatel, do que forma parte a operadora galega R, presentou hoxe o seu plan de negocio para os vindeiros cinco anos, unha axenda estratéxica co que agarda multiplicar “as principais magnitudes operativas e financeiras”. En termos concretos, o grupo prevé duplicar ingresos e clientes co seu plan de busca de novos mercados no territorio estatal, fóra das tres comunidades nas que estaba a centralizar esforzos, que son Galicia, Asturias e Euskadi. A través do seu programa de acción, Euskaltel medrará unha media dun 6% anual, até acadar os 500 millóns de euros, ende os 345 millóns actuais.
Ademais, para 2025 agárdase que o fluxo de caixa operativo alcance os 240-280 millóns de euros (o 60 % de crecemento respecto de 2019) o que o número de servizos móbiles contratados supere os 3 millóns en 2025, o que significa multiplicar por tres a base actual.
A fórmula principal para acadar estes obxectivos será, como dixemos, a fórmula do espallamento. En detalle, o grupo quere chegar ao 85 % do mercado nacional ao que non tiña acceso até este momento, para poder dar servizo a un total de 18,4 millóns de fogares.
Este plan de expansión permitiralle acceder a novas oportunidades de crecemento rendíbel, multiplicando por 2,3 a súa base de clientes actuais de telecomunicacións fixas, até superar os 1,5 millóns de clientes, incorporando á súa base arredor de 800.000 novos clientes fixos procedentes dos mercados en expansión, ao que cómpre engadir a previsión de superar, como dixemos máis arriba, os 3 millóns de móbiles contratados en 2025, fronte ao millón de servizos na actualidade, multiplicando practicamente por tres a base actual de volume de servizos móbiles utilizados polos usuarios.

PUBLICIDADE