O estado de Nova York vai prohibir cruzar rúas co iPod aceso

xoves, 8 de febreiro do 2007 Raquel Noya

O senador do estado de Nova York, Carl Krueger, anunciou a prohibición do uso de todo tipo de dispositivos móbiles tales como teléfonos, iPods, Blckberrys ou video consolas á hora de cruzar as rúas da cidade a partires do vindeiro mércores. A medida chega despois de que tres peóns fosen atropelados no distrito de Brooklyn dende setembro por cruzar despreocupadamente sen mirar, distraídos por un dispositivo electrónico.
A multa por ir escoitando música nun iPod ou falando polo móbil ó cruzar as rúas da cidade norteamericana ascenderá a 100 dólares, algo que, sen dúbida, obrigará a que os neoiorkinos leven ben abertos os ollos e as orellas limpas na vindeira ocasión que tenten cambiar de beirarrúa.
Kruger asegurou que tomou esta medida para “protexer á cidadanía” e cualificou ós dispositivos electrónicos como obxectos que “están alcanzando un punto no que non só son endémicos, senón que están a crear un ambiente no que xa se pode falar de crise da seguridade pública”, e mesmo afirmou que as mortes deste tipo están a “converterse nun problema nacional” (comparable ás mortes de menores producidas por armas de fogo “legais”?).