O estudio madrileño Aheartfulofgames prepara o seu peche

martes, 29 de xullo do 2025 Redacción

Aheartfulofgames, o estudio madrileño responsable do xogo Ninja Turtles: Mutantes Desencadenados, anunciou que se atopa ante un inminente peche despois de que a súa propietaria, Outright Games, comunicase a súa intención de despedir os 28 traballadores que conforman o equipo.
A decisión foi denunciada publicamente a través da Coordinadora Sindical de Videoxogos (CSVI), vinculada á CGT, entidade que detalla que Aheartfulofgames fora adquirida pola editora británica Outright Games en 2022 e conseguiu entregar o xogo das Tartarugas Mutantes en prazo e sen incidencias, cumprindo coas expectativas comerciais marcadas pola editora. En agosto de 2024, comezaron a traballar nun novo proxecto a petición de Outright, malia que a licenza aínda non estaba confirmada. O desenvolvemento foi interrompido en xaneiro de 2025, segundo indican, por falta de interese do cliente.
Tras un cambio de dirección en Outright Games, a prioridade pasou a centrarse en proxectos de baixo custo e rápida execución. Aheartfulofgames asegura que en febreiro iniciaron o deseño dun proxecto máis ambicioso e, en paralelo, doutro de menor alcance co obxectivo de asegurar novos acordos. Porén, en abril foron informados de que ambos quedaban cancelados, sen explicacións, aínda que un deles xa estaba avanzado. A empresa matriz, mentres tanto, realizaba novas adquisicións e contratacións estratéxicas.
O estudio afirma que a comunicación interna foi minguando ata desaparecer por completo en maio, cando foron excluídos dunha reunión corporativa. En xuño recibiron unha comunicación verbal sobre o peche do estudo.
Tamén denuncian que proxectos como Dora Rainforest Rescue ou Bratz: Rhythm and Style foron encargados a terceiros, a pesar de que o equipo de Aheartfulofgames estaba dispoñible. «Non se ofreceu ningunha alternativa nin opción de recolocación. Non existe xustificación operativa nin económica para destruír 28 empregos», conclúen, anunciando a creación dunha sección sindical coa intención de defender os seus dereitos e a súa dignidade laboral.

Tráiler do xogo das Tartarugas Mutantes desenvolvido por Aheartfulofgames