O futuro da ciberseguridade mundial, ao detalle o 21 de novembro en Tech4Secur

mércores, 6 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este mércores celebrouse na sede do Club Financeiro Atlántico a xornada de presentación galega de Tech4Secur, un dos grandes eventos tecnolóxicos da tempada no ámbito estatal, centrado na seguridade e nos máis avanzados recursos para facer da vida dixital un espazo fiábel e de confianza. Na cita deste mércores déronse a coñecer os obxectivos e máis os detalles do programa do congreso. Na xornada participaron os responsábeis de Ferreira Dapía Technology Consultant, consultora coruñesa responsábel da 1ª edición deste evento centrado na seguridade e as emerxencias, que terá lugar en Madrid o 21 de novembro (Hotel Attica 21 de Las Rozas).
O congreso dará acollida a innovadores proxectos de startups (novas firmas innovadoras dos ámbitos español e internacional) e ás tecnoloxías máis avanzadas da Euopean GNSS Agency e do Centro Criptológico Nacional.
En termos máis concretos, no programa do Tech4Secur salientan as intervencións dos responsábeis de seguridade dos Concellos da Coruña, Carlos García Touriñán, e de Madrid, Raúl Valera Tena, así como a participación de representantes do centro nacional de tecnoloxías de cifrado (o Centro Criptológico Nacional anexionado ao CNI) e de consultores privados e empresas do sector das novas tecnoloxías e a ciberseguridade como as galegas Imatia e Situm e máis Genasys, Proxecto Salvavidas, Sistelec, Sygyc, Teltronic, Radiospectrum ou Sateliun.

PUBLICIDADE