O futuro das telecomunicacións, a debate na inauguración das novas oficinas de Optare en Vigo
mércores, 20 de xullo do 2011

- Vista exterior das novas instalacións de Optare en Vigo
Un encontro empresarial no que se xunten algunhas
das principais operadoras de telecomunicacións que desenvolven o seu labor en
España non semella en absoluto unha cita desprezable para o lector potencial de
Código Cero. E máis se temos en conta o tema a debater polos representantes
destas empresas: o futuro do sector e os obstáculos que cómpre deixar atrás no
camiño dun mellor servizo. Isto é o que nos ofrece este xoves, precisamente, a
empresa galega Optare: a
posibilidade de recibir información directa de directivos de Vodafone, Jazztel,
R, Optimus e Oracle; e todo isto ben preto da nosa empresa: en Vigo.
Estas xornadas de Optare contarán tamén coa
presenza do conselleiro de Economía, Javier Guerra, e do centro Gradiant,
representado polo seu director xeral Fernando Pérez González, quen desenvolverá
o papel de moderador.
O foro de debate, ademais, complementarase coa
inauguración oficial das novas dependencias de Optare Solutions, emprazadas no
Parque Tecnolóxico de Vigo, acto no que participará, tamén, Javier Guerra. Volvendo
á xornada, dicir que está prevista para este 21 de xullo, xoves, no Auditorio
de Texvigo, o devandito parque emprazado en Valadares.
O encontro dará comezo ás 18.10 e prolongarase até
as 20.00, intre no que se dará comezo á apertura oficial das instalacións de
Optare. Sinalar que esta empresa, da que falamos
recentemente para dar conta da posta en marcha da comunidade Natural Born Telco, centra unha boa
parte da súa actividade na consultoría tecnolóxica e das comunicacións.
Arestora conta con 60 empregados, o 87% dos cales son enxeñeiros de
telecomunicacións ou informática, moitos deles formados na Universidade de
Vigo. As novas instalacións da empresa galega representan, en palabras dos
propios responsables da mesma, “un
investimento clave para a compañía no camiño de incrementar o seu equipo
laboral e continuar co seu crecemento no mercado internacional achegando servizos
de alto valor engadido”.

- Novas oficinas de Optare en Vigo
